A Xunta convocará por concurso de méritos a cobertura dunha praza de facultativo de atención primaria nos concellos de Nogueira de Ramuín, Lobios, Lobeira, Coles, Xinzo de limia e Calvos de Randín

  • O delegado territorial e o xerente da área sanitaria confirmáronlle aos alcaldes que a Xunta incluirá unha praza de facultativo de atención primaria no centro de saúde do seu concello na convocatoria mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas
  • Esta convocatoria de máis de 400 prazas realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia
  • A necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, que incentiva a provisión destas prazas ao ofrecer a maior estabilidade (praza fixa en propiedade) co sistema de acceso máis sinxelo

Ourense, 02 de marzo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, mantiveron hoxe unha reunión cos alcaldes dos concellos de Nogueira de Ramuín, Lobios, Lobeira, Coles, Xinzo de Limia e Calvos de Randín na que lles avanzaron que o goberno galego incluirá sendas praza de facultativos de atención primaria no centro de saúde dos seus concellos na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.

Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada este mes polo Presidente da Xunta Alfonso Rueda, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dita lei ampliou a experiencia exitosa do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Deles, 21 incorporáronse en centros da provincia de Ourense.

Iniciativa da Xunta ante a falta de reformas no eido estatal

A necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, que incentiva a provisión destas prazas ao ofrecer a maior estabilidade (praza fixa en propiedade) co sistema de acceso máis sinxelo.

Ademais, os residentes MIR de toda España que terminen estas especialidades en maio poderán optar a estas prazas e ser persoal fixo neste mesmo ano, ao permitírselles inscribirse con carácter previo e acreditar o título da especialidade unha vez a rematen. A Xunta prevé resolver o concurso á volta do verán e as condicións para os adxudicatarios serán a de permanecer en activo nelas durante un mínimo de 2 anos.

Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón.

Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa  sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.

Deste xeito, a Xunta é a primeira e a única comunidade en abordar con medidas innovadoras o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas nestes intres mentres continúa o incumprimento dos compromisos de reforma da lexislación estatal.