Abertas as inscricións para participar na terceira edición da “Xurés Bike Tour”

O Inorde organiza este evento deportivo que se celebrará os días 17 e 18 de xuño e reunirá aos mellores especialistas do BTT galego e nacional

O Inorde organiza a terceira edición da “Xurés Bike Tour” que xa ten aberto o seu prazo de inscricións para que todos os afeccionados ao ciclismo de montaña poidan volver a gozar das paraxes naturais que ofrece esta zona do Xurés. Este evento, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño, reunirá aos mellores especialistas do BTT galego e nacional.

AVANTAR ACTIVIDADES

O percorrido da proba transcorrerá por diferentes municipios do sur de Ourense como Bande e Muíños, e cruzará a fronteira ata o norte de Portugal, “dotándoa dun carácter internacional que a fai máis atractiva para os afeccionados á práctica da mountain bike”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

“Este tipo de probas permítenos potenciar os recursos naturais e patrimoniais do noso territorio a través do turismo deportivo e, neste caso, ao tratarse dunha proba que dura dous días, atraemos a visitantes que terán que pernoctar na nosa provincia e, polo tanto, este feito terá un impacto moi positivo nos municipios da zona”, explicou Rosendo Fernández.

A proba, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, desenvolverase en 3 etapas. A primeira delas ten unha distancia de 40 km que dará a comeza a esta nova edición desde a praza do Concello de Bande, con case 1.000 metros de desnivel positivo. A segunda etapa contará cun tramo de 10 km cronometrados con saídas que se efectuarán cada minuto, desde o Complexo Turístico do Corgo en Muíños, e será por orde inverso da primeira etapa. Por último, a terceira etapa, terá a súa saída e chegada no Complexo do Corgo, e constará dun percorrido de 60 Km que levará aos deportistas por zonas espectaculares como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem. A saída será en conxunto e os primeiros 4 km serán neutralizados.

Os interesados en participar xa poden inscribirse a través do seguinte enlace: https://www.xuresbiketour.com/, cun custe promocional para os que se anote antes do 15 de marzo.