Felipe Senén: “o Casino do Carballiño , a súa Festa da Mimosa e algo máis”

Por Felipe-Senén

Aquel catorce de setembro do ano 1962, a un tempo que as bombas de palenque anunciaban as festas patronais do Carballiño, abríase ao público o Cine Rivas, unha catedral para representar a Sétima Arte nunha singular vila na historia empresarial do cine en Galiza. Inversión aquela de potentes emigrantes a México, os irmáns Rivas Porto, naturais das veciñas terras de Montes, aos que seguían os pasos os irmáns Graña López co non menos sorprendente Cine Riazor (1965-1998) nunha Coruña que tamén era referente no montaxe das salas de cine. Ambas familias asesoradas por un experimentado especialista, tanto en inversións como en dinamización cultural, Vicente Torres Sánchez, do Banco Pastor e moi vinculado a Barrié de la Maza. Flamante edificio o carballiñés do arquitecto Manuel Conde Fidalgo, amigo de conxuntar a pedra e os saberes dos artesáns canteiros no conxunto urbanístico nunha vila que entón era expoñente na construción. As películas elixidas para a estrea naqueles días de festa foron “El rostro impenetrable” , “La Furia de los Justos” e “Mi dulce geisha”, films, dias e sala que quedaron moi marcados na memoria dos mozos. Catedral do cine galego que sucumbe como moitos outros coa expansión da televisión, pechado no 1989 e derruído en setembro do 1999 para outra máis simple edificación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non remataban as ansias naquel edificio cunha cafetaría e cine, cunha sala de festas no primeiro piso, senón tamén concedendo espazos para un selecto casino de sofás e mesas de xogo e de billar, hemeroteca, biblioteca, salón de baile e de actos… Así é que na primavera do ano 1964 inaugurouse aquel novo casino, dando nova resposta a vellas aspiracións dunha elite xa cumpridas nos anos románticos de Vilamorta.

A primeira directiva do flamante Casino estaba presidida por Aquilino Sánchez Bóveda, contando ademais con empresarios e profesionais singulares da vila, como Camilo Rodriguez, Antonio Pedrouzo Novoa, José Manuel Cancio Sanjurjo, Vicente Torres e Manuel Blanco Quintela, dos comercios “Celta” sendo este o verdadeiro impulsor de actividades galeguistas.

A ansia de aqueles promotores era ter un espazo propio e así é que no 1965, e por iniciativas de Vicente Torres, unindo moitas colaboración económicas,  foi adquirida á familia Nieto Campos un aséptico inmoble na rúa Mosquera 6, reformado no seu interior será inaugurado como novo Casino do Carballiño un 23 de agosto de 1966. A parte baixa aberta á rúa por cristaleiras, esas “peceras”, escaparates, herdeiros dos miradores, que todo provinciano casino gustaba ter, cafetería, sala de festas e unha terraza exterior para as celebradas verbenas de verán. No piso alto salas de xogo, de lectura, biblioteca, de reunións….

Os grupos de música frecuentes naquelas noites festivas eran os Cunter´s de Cuntis e imprescindible a nosa e famosa Orquestra Millara. Aínda que ás ves se filtraba un deses rompedores grupos rock que non convencían a unha directiva e socios tradicionalistas e que, pola contra, aplaudimos os máis mozos, como foi un grupo asturiano, vestidos de camisas de flores, medallas e amuletos ao peito e de ruidoso nome, “Locomotión” os que acabaron expulsándoos da sala despois de tres intervencións en escenario, pra rematar recolléndoos, os máis novos, nun pequeno tugurio para guateques no barrio de Flores e que chamabamos “Zoco”.

A voz e a presenza de Galiza na palabra e na figura de Otero Pedrayo

Anos sesenta nos que o galeguismo, pese a estar vixiado dende os gobernos civís, asomaba timidamente e se desfogaba a través de  grupos de coros e danzas, onde os sobrevivintes  das letras cultas facían encaixes de bolillos, avivaban o barroquismo coa ansia de manter o idioma galego, onde don Ramón Otero Pedrayo, sempre tan apegado ao Carballiño, era máis que un símbolo de pasados e futuros, o patriarca, o imprescindible pregoeiro.

Otero Pedrayo, discurso

Dentro dese ambiente  e sendo Alcalde Javier Perea ( 1966-1977) sucedido por Arximiro Marnotes Rodriguez, eran sobranceiras as ansias do empresario e directivo Manuel Blanco  Quintela, “O Celta”, que pertencera ás mocidades galeguistas e que insistiu e conseguiu incluír na actividade do Casino un xeito de primaverais e inocentes xogos florais, homenaxe á mocidade, á literatura, á poesía e a palabra…Naceu así no 1966, como resposta á flor que inza os socalcos abandonados dos ribeiros e bocarribeiras, a Festa da Mimosa, axeitada para o tempo de algo despois da Candeloria, cando a paisaxe se acende en cores e rechouchíos. Inofensivo tempo de poética e salón para anos vixiados.

Imprescindible e asesor naqueles primeiros encontros literarios era o catedrático de literatura española no Instituto de Ourense, natural de Beariz e ben coñecido e temido polos estudantes do Carballiño, don Xulio Francisco Ogando Vázquez, de potente e rico discurso, “a voz da montaña”, teloneiro e presentador de don  Ramón Otero Pedrayo. Era aquel don Ramón de discurso barroco, grandilocuente como a arquitectura da Veracruz, realismo máxico, enxalzando as paisaxes e as paisanaxes, aos bos e xenerosos, ás lembranzas, mesmo suxerindo o que non podía dicir polas imposicións da ditadura…. Solemnes verbas que provocaban entusiasmos e aplausos a cada folgo do orador ourensán, que dende a súa Trasalba enxergaba as horizontes da terras do Carballiño. Don Ramón foi omnipresente naqueles encontros e mesmo ate o seu pasamento no 1975. Seguírono Alvaro Cunqueiro, Filgueira Valverde, Victoria Armesto, Torrente Ballester…ate eu mesmo tiven ese privilexio de poñer cerimonioso traxe negro de festas e pasamentos , para acompañar a raíña e dar Pregón da Mimosa, sendo daquela Adela Alonso e nun Cine Rivas que, despois, pechaba definitivamente as súas portas.

Corporación e membros do casino homenaxe a Rosalía

Discursos aqueles, os mais deles lidos, nunca os do gran improvisador Otero Pedrayo e dos que, por algures quedan vestixios. Victoria Fernández Armesto no seu libro de “Verbas Galegas”, editado por Galaxia no  1973 recolle nun capítulo o discurso dado por ela no Carballiño  no  1970 “V Festa da Mimosa”, dedicado a “Os trobeiros Galegos”: un canto á primavera, aos trobeiros ou xograres destas terras, como se conta que foi Pero Meogo. Lembro ben aquel acto: Victoria Fernandez España despuntaba entón por ser autora do libro de historia “Galicia Feudal”, cronista no xornal dos seus devanceiros “La Voz de Galicia”, admirada por Otero que mesmo a comparaba con Rosalía, con un torrente. O certo é que coidaba enormemente canto facía, estudaba, ensaiaba a posta en escena, mesmo o vestido que levaba para cada acto; ao Carballiño acudiu cun un traxe largo, abotoado, saia ampla ebase, tipo Audrey Hepburn, estampado en flores primaverais… acenando comedidamente, apoiando expresiva canto dicía.

Celebrar a primavera, a mocidade , a poesía e a palabra….

Festa con raíñas e damas, mociñas da vila, as daquel meu tempo lembro a Maria Xosé Blanco Maneiro, María Jesús de los Arcos, Martina Freixedo, Paloma Rodríguez,  Maria Paz Viso,  Conchita Ramos, María Xosé Adán, Maria Ester Sobrino, Marily Pereira, María Xosé Maderas, Mayeya, Bea Villarino, Ángeles Garriga, Chus Dacal, Dosí González, Gracia López,  Adela Alonso… (e que me perdoen as que faltan ou as que sobren).

Bea Villarino e damas festa da mimosa – 1980

Logo seguiron outras. Protocolarios desfiles por alfombra roxa, elas traxe largo branco e banda cruzada, eles de negro e paxariña, estados,  presidencias, aplausos, flores, valses… un xeito de posta en escena dunha primeira comuñón social. Un rancio asomo de clasismo vilego, de potentes negociantes, bancarios e funcionarios seguía asomando. Mais fora daquel ambiente e salas había outro.

Encontros que supoñen un concorrido concurso literario, a convocatoria dun premio de poesía e de contos. Como resultado, mesmo no 1972  a publicación de “ Poemas e Contos da Festa da Mimosa”. Mimado libro estrebillado por Manuel Blanco Quintela, contando sempre coa man colaboradora e desinteresada de Pepe Prada, imprentado na Bendaña, con suxestiva portada debuxada polo entón estudante da arquitectura e hoxe gran arquitecto e creador Fernando Blanco.

Portada Fernando Blanco – 1973

Portadade tendencia opart, en branco e negro, que representa unha árbore de fondas e amplas raiceiras e como froito unha única mazá… Páxinas interiores ilustradas por Tete Quiroga, por Pepe Prada e mesmo por quen isto escribe. Publicación que na presentación agoiraba o que non tivo, continuidade. Sigue o limiar “Dúas verbas devanceiras” escrito por Otero Pedrayo, texto orixinario que vin e transcribín, copias que recuperei dos fillos de Manuel Blanco e entreguei a Patricia Arias Cachero a gran biógrafa de Otero Pedrayo, coa ansia de que estes anacos da historia carballiñesa perduren e sigan a espallarse aínda máis. Manuel Blanco mantiña unha fonda devoción por Otero e reunía como un tesouro estas cartas do patriarca. Escritos onde o Carballiño é un referente para o ourensán, repetía que pasando días na súa querida Trasalba, antes de deitarse avistaba ao lonxe as luceciñas de Dacón…e pola mañán, ao abrir as xanelas a neboa cubría a Madanela, debaixo o Arenteiro e o Carballiño… Don Ramón abría e pechaba cada xornada ollando, ao lonxe, os camiños do Carballiño. Comparaba a torre da Veracruz cun campanile venecián…  textos onde sempre volvía aos arrieiros que o levaban e traian nos seus carruaxes a Compostela, lembraba a Andrés Rodriguez, ao Maioral, amigo íntimo e compadre de Calviño, de Porfirio, de Paco Mares…Lembranzas do Balneario, onde exerceu de médico o seu pai, dos Quiroga de Banga, da señorona Pardo Bazán…temas que, entre o canto á paisaxe e a historia abrollaban no seu discurso.

Un libro, un testemuño en tempos de censuras

Libro o de “Contos e poemas da Festa da Mimosa” que fai unha selección de obra premiada naqueles encontros florais, o V: Poemas do segrel azul de Ferrolterra,  Xosé María Pérez Paralle; sonetos do lembrado sacerdote Abelardo Santorum, poema “Á Muller Galega” de Fariña Jamardo; o conto premiado na VI festa de Carmen Sancho, titulado “A Soga”, seguido do da “A teima do vello” de Antonio Canle Blanco, e mesmo un da autoría de servidor, Felipe-Senén, naquela mesma VI festa  titulado “A Basoira”, inxenuo a un tempo que atrevido repaso da etnografía da vila e dos seus camiños… algo que ben agradecín e me incentivou a ser e seguir estando nesto. Tampouco falto o conto de “O meu Abo” de Pepe Prada… “Mimeiriña” de Josefina López de Serantes e velaí todos tendo como expresivo argumento a nostalxia dun pasado, dunhas orixes que ameazaban perderse.

Anos setenta de pulo cultural, mesmo de concursos de carteis arredor da Festa da Mimosa, onde non faltaba a participación do meu pai e a miña mesma… e sen éxito, a pesar de representar as liras  poéticas e solfas musicais entre as que asomaban as ramas de mimosa, as torres e o símbolos da vida da vila…

Manuel Blanco Quintela era home de iniciativas galegas que, hoxe, merecerían ser compensadas: lembro, no 1973, a súa proposta ao Concello do Carballiño e realización dun  homenaxe a Rosalía de Castro na casa da Matanza de Padrón, que constaba dunha instalación de xerras-vieira de parede deseñada en Sargadelos po Díaz Pardo, entre tantas outras en difíciles anos poñendo ao Carballiño nunha causa da Terra Nosa, como eles dicían.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “Contos, medos, amuletos e santuarios das xentes do camiño”

Felipe Senén: “Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores””

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño