O Psdeg-Psoe aproba por asentimento o ditame de candidatos, candidatas e candidaturas para a provincia e sinala que co psoe “hai futuro” en Ourense

Unhas candidaturas que segundo afirman dende o PSOE ourensán “vanlle dar ilusión e esperanza a esta provincia e propiciarán que Ourense teña de verdade futuro”

Villarino destacou que “imos dicirlle a esta provincia que hai futuro, con candidatos e candidatas que chegan con moita ilusión e que lle van a amosar a Ourense cales son as nosas estratexias comarcais e provinciais para ofertarlle á cidadanía o cambio que tanto precisa”

AVANTAR ACTIVIDADES

Coles, 4 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE vén de celebrar no día de hoxe o seu Comité Provincial, que se celebrou en Cambeo, no auditorio municipal de Coles, e no que se procedeu a aprobación por asentimento do ditame de candidatos, candidatas e candidaturas para os municipios de menos de 20.000 habitantes. No mesmo tamén se aprobou por asentimento o ditame da candidatura da cidade e delegouse na Comisión Electoral Provincial a aprobación das candidaturas pendentes.

Os e as socialistas destacan que as listas e candidaturas, aprobadas no día de hoxe, “permitirán que os nosos candidatos e as nosas candidatas ofrezan a nosa provincia as alternativas que tanto necesita”. Unhas candidaturas que segundo afirman dende o PSOE ourensán “vanlle dar ilusión e esperanza a esta provincia e propiciarán que Ourense teña de verdade futuro”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, aproveitou para sinalar que “estamos nunha provincia que non ten guía, que está en declive permanente” e ante esta situación afirmou que dende o PSOE “imos dicirlle a esta provincia que hai futuro, con candidatos e candidatas que chegan con moita ilusión e que lle van a amosar a Ourense cales son as nosas estratexias comarcais e provinciais para ofertarlle á cidadanía o cambio que tanto precisa”.

Villarino tamén puxo o foco na Deputación Provincial de Ourense da que afirmou que “necesita unha alternancia para ser realmente democrática” e subliñou que “en todos estes anos, en todos os orzamentos e en todos os informes do Consello de Contas amosouse que non había obxectividade, nin reparto equitativo de fondos”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacaron tamén que “estamos no camiño correcto para mudar esta provincia e para darlle o goberno democrático que tanto precisa”. Os e as socialistas poñen como exemplo o “bo facer” dos gobernos socialistas que “a pesar de non contar cun reparto de fondos xustos por parte da Deputación, amosáronlle aos seus cidadáns e ás súas cidadás que é posible facer outras cousas, que hai futuro nesta terra e que non creemos no fatalismo, nin tampouco na imposibilidade de facer as cousas por nós mesmos”.