Cesáreo Ramos encabezará a candidatura do Psdeg-Psoe á alcaldía de Carballeda de Valdeorras co obxectivo de que o municipio creza e de que a veciñanza viva “mellor”

O candidato socialista resalta que en Carballeda “falta moito por facer” e destaca como obxectivos “a mellora das vías de comunicación e o aumento dos servizos que se prestan a nivel municipal”

Fai fincapé en “mellorar a participación cidadán, escoitando a veciñanza, dando respostas e buscando xuntos solucións para conseguir un mellor desenvolvemento e progreso para a nosa terra”

AVANTAR ACTIVIDADES

Carballeda de Valdeorras, 5 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE renova o seu candidato á alcaldía de Carballeda de Valdeorras de cara ós comicios electorais do vindeiro 28 de maio. Cesáreo Ramos Gómez, actual concelleiro da corporación, asume o reto de encabezar a lista dos socialistas co obxectivo de que o municipio “creza” e de que os veciños e veciñas “vivamos mellor”.

O candidato socialista resalta que en Carballeda de Valdeorras “falta moito por facer” e destaca como obxectivos claros “a mellora das vías de comunicación e infraestruturas e o aumento dos servizos que se prestan a nivel municipal”. Ramos Gómez tamén deixa claro que non busca polémica “algunha” e que o único que quere procurar “é o beneficio para o propio concello e a veciñanza”.

O actual concelleiro socialista pon de manifesto que “son un veciño máis deste marabilloso concello, que decidiu seguir loitando, porque creo que unha forma de xestión municipal diferente é posible”. Neste senso apunta a que “temos que conseguir un concello máis transparente, no que a veciñanza participe e no que se traballe polos intereses de todos e non só duns poucos”.

Cesáreo Ramos tamén fai fincapé que un dos obxectivos primordiais “é recuperar a forma de ser dos núcleos de poboación, coa mellora da participación cidadán, escoitando a veciñanza, dando respostas e buscando xuntos solucións para conseguir un mellor desenvolvemento e progreso para a nosa terra”. O candidato socialista apunta que “ofrezo o meu compromiso, traballo, dedicación e esforzo para conseguir que o noso municipio prospere e medre”.

Dende o PSdeG-PSOE apuntan a que a candidatura socialista de Carballeda de Valdeorras “representa unha alternativa sólida fronte a políticas autoritarias e escuras” e subliñan que “busca fuxir dos intereses persoais para a xestión municipal e centrarse nas necesidades reais de Carballeda de Valdeorras”.