O Psdeg-Psoe de Ourense reclama a convocatoria urxente dunha xunta local de seguridade ante a alarmante onda de vandalismo que está a afectar ao barrio da Ponte

O grupo socialista amosa a súa fonda inquedanza ante a drástica sucesión de atracos, violencia e queima de mobiliario público nas últimas semanas e esixe maior vixilancia policial

Aseguran que a veciñanza síntese “insegura, indefensa e con medo de saír á rúa polas noites” con motivo da súbita e repentina avalancha de actos vandálicos nocturnos na zona

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 6 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama que a convocatoria urxente dunha Xunta Local de Seguridade coa coordinación do Concello de Ourense e da Subdelegación de Goberno ante a alarmante onda de vandalismo que está a causar estragos no barrio da Ponte, unha situación que “empeora semana tras semana” e que os socialistas consideran que require “medidas urxentes e extraordinarias para garantir a seguridade e protección das veciñas e veciños afectados”.

Así o manifestan tras coñecerse que esta mesma madrugada se rexistrou o segundo atraco en menos dunha semana noutro establecemento do barrio, neste caso unha froitería localizada no cruce da rúa San Paio coa rúa San Rosendo, ademais do estrago dun vehículo que permanecía estacionado na vía pública durante a noite, ao que cómpre sumar a rotura da ventá doutro automóbil na rúa do Mercado a pasada semana.

“Estamos a encadear xornadas de vandalismo nocturno polo que é preciso reclamar a coordinación e implicación das administracións públicas con competencias en materia de seguridade e orde público para a activación inmediata dun plan que permita restaurar a normalidade e pór fin a este lamentable episodio de violencia no barrio da Ponte”, exhortan dende o grupo municipal socialista.

O grupo amosa así a súa fonda inquedanza ante a drástica sucesión de atracos, violencia e queima de mobiliario público nas últimas semanas e esixe maior presenza de efectivos policiais.

“A veciñanza trasládanos que se sinte insegura, indefensa e con medo de saír á rúa polas noites con motivo da súbita e repentina avalancha de actos vandálicos nocturnos na zona”, lamentan, ao tempo que instan a buscar solucións conxuntas e coordinadas de xeito urxente.