O PSOE de Punxín critica que o goberno deixa sen gastar 125.000 euros do orzamento cando “está todo por facer”

O PSdeG-PSOE de Punxín critica que o grupo de goberno municipal do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, ex de Ciudadanos, deixa sen gastar 125.000 euros do orzamento municipal do ano 2022. As concelleiras socialistas denuncian que nun concello “no que está todo por facer”, o goberno local se permita o “luxo” de deixar un 27% do total do orzamento sen empregar en investimentos tan “necesarios e vitais” para Punxín e a súa veciñanza.

Dende o grupo municipal socialista consideran que este é un exemplo máis da “pésima” xestión dos recursos públicos que está a levar a cabo o alcalde do PP, Manuel Fernández e o seu equipo. “É insólito que nun municipio no que a veciñanza reclama arranxos e solucións aos seus problemas cotiás o goberno municipal opte por ignoralos e deixar sen gastar un 27% do orzamento, que daría para solucionar varios conflitos e problemas que presenta arestora Punxín”.

AVANTAR ACTIVIDADES

As concelleiras socialistas indican que nun concello “cuns servizos sociais totalmente mellorables, cunhas estradas desfeitas, con cero actividades culturais ou de ocio destinadas aos veciños e ás veciñas de Punxín, o PP e o ex concelleiro de Ciudadanos deixen sen gastar unha parte importante do orzamento”. Dende o PSOE explican que tiveron constancia desta circunstancia tras coñecer as contas do exercicio de 2022, que se votarán o vindeiro xoves e na que as socialistas expresarán o seu voto en contra ao entender que “non se está obrando correctamente deixando fondos sen empregar”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, subliña que para ninguén “é un segredo a pésima xestión do grupo de goberno, así como o abandono ó que teñen sometido o noso concello”. A edil socialista destaca que “unha vez máis, como vimos facendo nos últimos anos, condenamos estas contas e votaremos en contra das mesmas, xa que consideramos que Punxín merece un goberno mellor, un goberno que sexa quen de xestionar de forma correcta os nosos recursos e que pense en Punxín e na súa veciñanza”.

Peleteiro alerta tamén de que con estas contas “ponse en evidencia a falta de miras políticas do goberno municipal, a ausencia total de traballo e as ganas de loitar por Punxín e as súas xentes”. Para a voceira socialista este modo de actuar “deixa constancia, unha vez máis, que Punxín e a súa veciñanza precisa dun goberno municipal serio, responsable, traballador e que reivindique as necesidades do municipio”, circunstancia, que tal e como relata, “non é posible co actual goberno municipal do Partido Popular e o concelleiro non adscrito, ex de Ciudadanos”.