A Deputación destina 490.000 euros para cooperación en proxectos municipais e axudas a federacións e asociacións veciñais

 A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de máis de 490.000 euros para cooperación con proxectos municipais, así como as bases que regulan a concesión de axudas para colaborar no funcionamento de federacións e asociacións veciñais da provincia.

Na sesión desta mañá, presidida por Manuel Baltar, a Xunta de Goberno deu o visto bo a unha subvención de 35.000 euros para acondicionar o acceso ao núcleo de Tosende, no concello de Baltar. Aprobouse tamén unha axuda de 48.000 euros para pavimentación en seis localidades de Boborás, idéntica cantidade que a destinada ao Concello da Bola para reposición de firme.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén no ámbito de cooperación local, Castrelo de Miño recibirá dúas subvencións: 25.000 euros para traballos medioambientais e outros 23.000 para dinamización rural. Ademais, Cortegada contará con 48.000 euros para soterrar a rede de iluminación pública no acceso ao antigo balneario. A relación de axudas a concellos complétase cos 32.000 euros concedidos a Monterrei para a cubrición de pistas deportivas; 48.000 para as obras de humanización de Pereira Vidaferre, en Oímbra; 25.000 para a aldea modelo de Reboredo, en Pereiro de Aguiar; e 36.000 euros para a mellora das redes de abastecemento en Vilariño de Conso.

Polo que respecta á colaboración coas entidades veciñais, as axudas a asociacións teñen como obxectivo financiar os gastos de investimento no presente ano. Cun orzamento de 30.000 euros, os colectivos interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e ata o día 15 de abril.

As axudas destinadas a gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais, correspondentes a este ano, teñen un orzamento total de 43.000 euros. Entre outros requisitos fixados nas bases, consideraranse federacións ou agrupacións todos aqueles colectivos que estean integrados por tres ou máis asociacións. O prazo límite para a presentación de solicitudes rematará o 15 de abril.

A orde do día incluíu a concesión dunha axuda de 53.000 euros a favor da Escudería Ourense, destinada a colaborar na organización e celebración do Rally de Ourense deste ano.