Marina Ortega dálle voz no Parlamento á Plataforma veciñal de Verín que alertou da falta de pediatras

O parlamento aproba a proposta socialista para esixirlle ao goberno galego que garanta a cobertura das prazas de pediatría en Verín

Marina Ortega dálle voz no Parlamento á Plataforma veciñal de Verín que alertou da falta de pediatras e impulsou a pasada manifestación con milleiros de persoas na localidade ourensá

AVANTAR ACTIVIDADES

A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do PSdeG para esixirlle á Xunta que cubra as prazas de Pediatría asignadas a Verín. A responsable socialista denunciou o “agravio” na asistencia sanitaria pediátrica da comarca, logo da supresión do servizo de Prematuros e a resistencia do Sergas a contratar substitutos para cubrir as baixas de médicos da especialidade.

Ortega reclamou a cobertura de “tódalas prazas de pediatría na comarca de Verín”, logo de que en 2021 amortizaran unha das tres prazas no Centro de Saúde e outra delas quedara descuberta por unha excedencia en 2022, co que o servizo quedou “absolutamente desbordado”. Reclamou unha solución “definitiva” para cubrir o servizo, logo de que o Sergas optara pola decisión “provisional” de prolongarlle a xubilación a un médico e asignar unhas horas a unha médica de familia.

A responsable socialista quixo darlle voz hoxe ao comunicado da Plataforma Veciñal de Verín, que alertou da falla de pediatras e que motivou a pasada manifestación que foi secundada por milleiros de persoas na localidade ourensá.

Alerta de que actualmente “non se están a cubrir os protocolos de revisións pediátricas” en nenos e nenas en tempo e forma, xa que no mellor dos casos son cubertas por unha enfermeira, sen a participación dun pediatra. As urxencias pediátricas “non existen na práctica”, xa que son derivadas ao hospital de referencia, xa saturado, facendo inviable o seguimento acaído ás doenzas infantís por parte do profesional pediátrico.

A parlamentaria socialista sinala que os pais e nais vense obrigados a acudir á sanidade privada en Ourense, a máis de 70 quilómetros de distancia, co conseguinte gasto de cartos e de tempo. As familias están obrigadas a asumir o custe das prescricións de medicamentos da sanidade privada que non son asumidos pola Seguridade Social, o que multiplica os sobrecustes provocados polas carencias na pediatría pública en Verín.

Criticou a falla de sensibilidade amosada polo goberno galego ao restarlle servizos a comarcas como as de Verín ou Valdeorras, a moitos quilómetros de distancia non só do Hospital de Ourense, ao que teñen que desprazarse cando fallan os seus pediatras, senón que están obrigados a desprazarse 2 horas e media ata Vigo porque o goberno galego suprimiu o servizo de prematuros.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

– “O Parlamento galego insta á Xunta a través da Consellería de Sanidade a garantir a cobertura da totalidade de prazas de pediatría no Hospital Comarcal de Verín”.