A Deputación e os concellos de San Cibrao e Pereiro perfilan o deseño da comunidade de usuarios do río Barbaña

O Concello de San Cibrao acolleu esta mañá unha reunión político-técnica coa presencia do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; os alcaldes Manuel Pedro Fernández e Luis Menor; e o delegado da Xunta, Gabriel Alén 

Esta ferramenta permitirá blindar o futuro da xestión da depuración e control das augas residuais nas áreas empresariais de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baixo o rol de “gran asesor dos municipios”, explica o presidente da Deputación, “proporcionamos sempre o noso músculo económico, técnico e xurídico para seguir construíndo o futuro de Ourense; neste caso cunha iniciativa de carácter supramunicipal de alto interese para toda a provincia”

Os gobernos municipais de San Cibrao e Pereiro levarán a pleno nas vindeiras semanas esta proposta

San Cibrao das Viñas, 8 de marzo de 2023.- O Concello de San Cibrao das Viñas acolleu esta mañá unha reunión político – técnica para perfilar o deseño da comunidade de usuarios do río Barbaña, unha ferramenta que permitirá blindar o futuro da xestión da depuración e control das augas residuais nas áreas empresariais de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou nunha reunión na que tamén estiveron os rexedores de ambos concellos, Manuel Pedro Fernández e Luis Menor; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o deputado Pablo Pérez e técnicos das administracións implicadas. 

Este novo encontro de traballo permitiu ultimar os detalles desta comunidade de usuarios, que delimitará dun xeito máis xusto as responsabilidades e riscos no funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) instalada en San Cibrao das Viñas, e que tamén presta servizo ás áreas empresariais de Pereiro e o Parque Tecnolóxico de Galicia. 

Manuel Baltar amosa a súa satisfacción por un “frutífero encontro de traballo e que volve a demostrar a capacidade da Deputación de Ourense para cooperar cos concellos e artellar respostas planificadas ás súas demandas”. Baixo o rol de “gran asesor dos municipios”, explica o presidente da Deputación, “proporcionamos sempre o noso músculo económico, técnico e xurídico para seguir construíndo o futuro de Ourense, neste caso cunha iniciativa de carácter supramunicipal de alto interese para toda a provincia”. 

Avanzando na folla de ruta trazada pola Deputación, San Cibrao e Pereiro, nas vindeiras semanas os gobernos municipais de ambos concellos levarán a pleno a aprobación da súa inclusión nesta comunidade de usuarios do río Barbaña.