Luís Fernández Gudiña encabezará a candidatura do Psdeg á alcaldía da Rúa co obxectivo de “abrir” o concello á veciñanza e defender os seus intereses

Explica que se presenta ás eleccións porque “vimos observando ao longo desta lexislatura que existe un gran descontento no municipio pola forma de xestionar que ten o actual equipo de goberno”

“Defenderemos a sanidade e a educación públicas e poremos en marcha un plan de vivenda social para que aqueles que o precisen poidan vivir nestas vivendas”, sinala o candidato socialista

AVANTAR ACTIVIDADES

A Rúa, 8 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE aposta novamente por Luís Fernández Gudiña como candidato á alcaldía da Rúa nas eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O candidato socialista preséntase ós comicios electorais co obxectivo de “abrir” o concello á veciñanza e de que dende o goberno municipal “exista unha preocupación polos veciños e polas veciñas e se este sempre pendente deles e delas”.

O candidato socialista conta co bagaxe de que xa foi alcalde do municipio entre 2017 e 2019 e busca revalidar á alcaldía. Explica que se presenta a estas eleccións locais porque “vimos observando ao longo desta lexislatura que existe un gran descontento no municipio pola forma de xestionar que ten o actual equipo de goberno”. Engade que “fixeron do concello un lugar onde a xente non ten posibilidade de achegarse e poder presentar os seus problemas para atopar solucións”, xa que segundo apunta “ninguén os atende e escoita”.

Fernández Gudiña sinala que existen “fondas preocupacións” pola calidade dos servizos, xa que tal e como explica “veñen deteriorándose dunha maneira palpable nos últimos tempos”. Neste senso afirma que “non se están cubrindo as prazas vacantes que se producen por xubilación, o cal leva a que instalacións como a biblioteca ou o centro cultural estean a sufrir un notorio deterioro, ante a falta de recursos e persoas para poder atender estes servizos correctamente”.

“Defenderemos a sanidade e a educación públicas e poremos en marcha un plan de vivenda social para que aqueles que o precisen poidan vivir nestas vivendas”, sinala o candidato do PSdeG-PSOE en A Rúa. Tamén destaca que no caso de gobernar “apostaremos pola humanización dos núcleos de poboación que temos, para que os veciños e veciñas poidan ter unhas infraestruturas acordes aos tempos que corren”.

Por último, Luís Fernández Gudiña, destaca que o PSOE “é o partido municipalista por excelencia, xa que o levamos no ADN”. Neste senso tamén afirma que “o que nos move a presentarnos é a xente e o único interese que temos e traballar por e para a veciñanza”.