Valoración do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ante a sentenza do TSXG que declara público o solo do aparcadoiro da Praza de Santo Antonio

Desde a formación nacionalista lembran que o acontecido na Praza de Santo Antonio ten que ver co urbanismo desenvolto durante anos polos Gobernos de Manuel Cabezas e cuxas consecuencias aínda segue a pagar o concello a día de hoxe con múltiples causas abertas

Ourense, 09 de marzo de 2023. Logo decoñecer a sentenza do TSXG polo cal declara solo público os terreos do aparcadoiro da Praza de San Antonio, litixio que leva moitos anos pendente e do que cómpre facer varias reflexións, desde o Grupo municipal do BNG valoran o fallo dado a coñecer no día de onte.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “cómpre facer varias reflexións en torno a este caso. A primeira delas en relación a como xorde esta problemática. Todo isto parte dunha recalificación urbanística sendo Manuel Cabezas alcalde de Ourense e grazas a ese urbanismo salvaxe, de amiguetes e sen apenas control que se practicaba naquel momento e cuxas consecuencias seguimos a pagar hoxe en día co concello inmerso en múltiples causas xudiciais”.

A segundas das reflexións de Seara ten que ver coa concesión no seu día da correspondente licenza que agora o TSXG ven de anular. “daquela chegou un novo Goberno Local que diante da situación e en base o que establecía o propio PXOM de 2003, o de Cabezas, e que despois foi anulado pola xustiza até en 11 sentenzas, ten que outorgarlle licenza e polo tanto legalizar dito aparcadoiro”, e engade, “en medio de todo isto, e como intermediario ou persoa utilizada por determinados construtores, Jácome no seu día, co único afán de prexudicar á concelleira Áurea Soto acode á xustiza”.

E é precisamente neste punto onde Luís Seara atopa a maior contradición no actual rexedor xa que lembra que “estando xa no goberno, Jácome recurriuna aducindo que había que evitar as indemnizacións millonarias que tería que asumir o concello, e sen embargo agora gábase e saca peito da sentenza do TSXG, polo tanto que se aclare”.