A casa-museo Manuel María celebrou este sábado o VIIº concurso escolar de recitado con alumnado de distintos lugares de Galiza

Carme Pereira Troncoso, do colexio Maristas A Inmaculada de Lugo, co poema “Tristes recordos”, e Lucía López Alvariño do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba co poema “Eu ben vin estar o moucho”, foron as gañadoras das categorías correspondentes a ESO e a Bacharelato e Ciclos Formativos

Dunia Sánchez Costa, do CEIP Canosa-Rus de Coristanco, co poema “Caracol”, e Paula García Vázquez, do CEIP Península da Paz, de Cervo, co poema “O cuco”, foron as gañadoras das dúas categorías de Primaria

AVANTAR ACTIVIDADES

Outeiro de Rei, 11 de marzo de 2023. A Casa-Museo Manuel María celebrou este sábado a sétima edición do Concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro e Manuel María con alumnado de distintos lugares de Galiza.

O certame, que leva por título Rosalía sempre viva, desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, e contou cunha importante participación. O alumnado participante, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso cun nivel altísimo que puxo moi complicado o veredito do xurado.

Os premiados segundo as categorías foron:
-1ª categoría (1º, 2º e 3º de primaria): Dunia Sánchez Costa, do CEIP Canosa-Rus de Coristanco, polo recitado do poema “Caracol” de Manuel María.
-2ª categoría (4º, 5º e 6º de primaria): Paula García Vázquez, do CEIP Península da Paz de Cervo, co poema “O cuco”.
-3ª categoría (Educación Secundaria): Carme Pereira Troncoso, do Colexio Maristas A Inmaculada de Lugo, polo recitado do poema “Tristes recordos” de Rosalía de Castro
-4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos): Lucía López Alvariño do IES Santiago Basanta Silva, polo recitado do poema “Eu ben vin estar o moucho” de Rosalía de Castro.

Tamén recibiron unha mención honorífica Lara Arias Sanjurjo do CPI de Xanceda polo poema de Manuel María “A natureza”, na categoría segunda e, por outra parte, Sara Martínez Quindimil do CPI de Xanceda polo recitado do poema “Cando a luniña aparece”

A Casa-Museo Manuel María agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio decorrese con suceso.

Acompañamos as seguintes fotografías:

1. Gañadoras da 1ª e 2ª categorías

2. Participantes finalistas da 1ª e 2ª categorías

3. Gañadoras da 3ª e 4ª categorías

4. Participantes finalistas da 3ª e 4ª categorías.