A Deputación e AGAPI organizan un roteiro de mulleres produtoras executivas no audiovisual por centros escolares da provincia

O roteiro “Elas, produtoras executivas’. Unha iniciativa para o empoderamento feminino” busca incrementar a conciencia crítica da xuventude dende unha perspectiva feminista, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas

Manuel Baltar define este roteiro como “unha potente ferramenta para concienciar á mocidade no valor da igualdade, tendo como punto de partida o sector audiovisual e servindo de inspiración para potenciar a figura da muller en calquera outro ámbito da sociedade”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 14 de marzo de 2023.- A Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) organizan o roteiro ‘Elas, produtoras executivas’. Unha iniciativa para o empoderamento feminino’, que percorrerá dende mañá centros de ensino secundario de toda a provincia. 

O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, define este roteiro como “unha nova ferramenta para concienciar á mocidade no valor da igualdade, tendo como punto de partida o sector audiovisual e servindo de inspiración para potenciar a figura da muller en calquera outro ámbito da sociedade. Esta iniciativa é unha achega máis na loita pola igualdade, unha causa xusta da que a Deputación de Ourense sempre formará parte”. 

Manuel Baltar explica que “precisamente, o eido do audiovisual constitúe para a Deputación un potente espazo de reivindicación do protagonismo feminino, tendo como exemplos recentes a homenaxe á actriz ourensá Mariana Carballal co premio 8-M da Deputación ou o apoio provincial ao estudo sobre o rol das mulleres no audiovisual galego en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais”. 

Deseño do programa

A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro. 

O roteiro pola provincia de Ourense comeza mañá, 15 de marzo no IES 12 de outubro da cidade de Ourense e a convidada para este primeiro debate será a produtora Sofía Arangüena. Ao día seguinte, o 16 de marzo, será a quenda do IES García Barbón de Verín, coa produtora Adriana P. Villanueva.

Na semana do 20 de marzo o roteiro continuará no IES Eduardo Blanco Amor na cidade de Ourense e o 21 será a quenda do IES número I de O Carballiño. O 27 de marzo a actividade chegará ao IES Martaguisela de O Barco de Valdeorras e xa en abril, pechará a súa andaina no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia con Alba Prol.