Gabriel Alén chama ás micropemes e pemes da provincia de Ourense a participar dos bonos de innovación da Xunta

O delegado territorial participou esta mañá na Xornada Técnica sobre Bonos de Innovación que se desenvolveu na sede da Confederación Empresarial de Ourense

  • O delegado territorial destacou a nova convocatoria dos Bonos de innovación que contan nesta edición cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes
  • Como principais novidades nesta convocatoria -explicou Gabriel Alen- amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador

Ourense, 13 de marzo de 2023.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na apertura na Xornada Técnica sobre a convocatoria Bonos de Innovación que se desenvolveu na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), especialmente ás pemes.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial destacou que conta nesta edición cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes. Con este instrumento, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación trata de apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

Como principais novidades nesta convocatoria -explicou Gabriel Alen- amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador. Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses, rematando o vindeiro 10 de abril. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.

O ano pasado foi a primeira vez que se publicou esta convocatoria da cal foron beneficiarias 66 pemes, a maioría delas microempresas e pequenas empresas que non recibiran antes financiamento da Axencia Galega de Innovación. Este ano continúan as tres liñas de apoio do ano anterior, as pemes poden solicitar tódalas liñas ou unicamente algunha delas segundo ás súas necesidades.

A liña 1 está destinada a aqueles gastos para innovar ou levar a mercado as innovacións das pequenas ou microempresas, o ano pasado mobilizáronse máis de 1 millón euros de custo en innovación nos beneficiarios. Doutra banda, unha segunda liña facilita a tramitación das deducións fiscais relativas á I+D+i, de feito os beneficiarios de 2022 certificaron custos en innovación por máis de 2,5 millóns de euros. Salientouse que a convocatoria deste ano, coma novidade, inclúe tamén a tramitación das bonificacións de persoal investigador. Por último, existe unha terceira liña que permite tramitar axudas estatais ou europeas de I+D+i, as empresas que foron apoiadas captaron máis de 4 millóns de euros que supón un retorno de 50 euros por cada euro investido pola Xunta de Galicia.