A Deputación colaborará co actor e produtor Ruben Riós na próxima edición do festival Latexos do Rural

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Rubén Riós.

O presidente da  Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao actor e produtor Rubén Riós, co que avanzou o apoio do goberno provincial aos proxectos culturais e audiovisuais que ten en marcha o creador ourensán: o festival Latexos do Rural no Camiño e o documental e longametraxe “Vivas”.

Manuel Baltar felicitou a Rubén Riós por “unha longa traxectoria na que demostra a súa capacidade para defender o mundo do rural a través de distintas expresións culturais”. Un traballo que, ademais, “encaixa nun dos eixos estratéxicos do goberno provincial como é a promoción da produción audiovisual no noso territorio”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Agradecido pola implicación e compromiso da Deputación, “que sempre estivo aí”, Rubén Riós quixo destacar a función social que cumpren estes proxectos, deseñados como “unha ferramenta de inclusión tanto no sociedade como no ámbito laboral para colectivos vulnerables”. Grazas á colaboración do goberno provincial, engadiu, “conectamos a provincia de Ourense, pola que tamén traballa esta administración, co talento e a paisaxe nuns momentos tan complexos como estes”.

Proxectos promovidos a través da Asociación da Castaña e da produtora Claqueta Coqueta

A través da Asociación da Castaña, Rubén Riós prepara unha nova edición do festival Latexos do Rural no Camiño, unha iniciativa que xurdiu no ano 2021 e que, con diversos escenarios en distintos lugares, mostra ao público “a creatividade inclusiva máis importante no rural ourensán” a través de traballos audiovisuais, teatro ou citas literarias.

Por outra banda e coa súa produtora Claqueta Coqueta, que vén de cumprir 15 anos de actividade, Riós afronta a rodaxe da súa primeira longametraxe, “Vivas” e do documental que a complementa, “Máis vivas”, que abordarán a soidade e a violencia de xénero. Unha produción que terá selo internacional pois terá como localizacións o municipio portugués de Águeda, no distrito de Aveiro, e os concellos ourensáns da Teixeira, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.