O Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ourense acolleu o pasado sábado 11 de marzo as dúas asembleas extraordinarias da Federación Galega de Automobilismo, nas que o apoio maioritario dos comicios viuse referendado na aprobación de todos e cada un dos puntos das ordes do día.
Na primeira delas, celebrada as 10:30 horas da mañá, os 45 asembleístas presentes aprobaron porunanimidade os dous puntos.
O primeiro deles versaba sobre o traslado da sede da FGA a Lalín, pasando a situarse na rúa B da localidade, o que suporá un importante aforro para as arcas federativas. Deuse tamén un paso na modernización do ente coa autorización para celebrar a Asemblea Xeral, a Comisión Delegada e a Xunta directiva de forma telemática. Ambos foron aprobados por unanimidade.
Na segunda das asembleas, que comezou as 11:00 horas e con 16 puntos na orde do día, retornou o apoio maioritario, coa aprobación de todos e cada un deles, despois das explicacións pertinentes a todos os asemblearios sobre as modificacións e accións tomadas por parte do presidente Antonio Rodríguez Troitiño. Ademais, o letrado da FGA informou sobre a problemática actual das licencias deportivas e a
habilitación das expedidas en Galicia e a súa posible validez a nivel nacional.
Aprobouse o salario do presidente da FGA e a rebaixa de 12.000 euros sobre o que percibía o anterior máximo mandatario, fixándose en 42.000 euros brutos ao ano.
A continuación aprobouse o presuposto de 2023; a designación dos integrantes do Tribunal Galego de Apelación e tamén o Anuario de 2023, xunto cos regulamentos deportivos para a temporada actual, todos eles aprobados por unanimidade ou maioría absoluta. Os avais e dereitos de calendario tamén foron aprobados por maioría.
Entre os restantes puntos, todos eles aprobados con maioría ou unanimidade, destaca o cambio de organizador do certame de Karting; a autorización da participación de equipos de fora de Galicia nos campionatos de karting e autocross/rallycross sempre e cando sexan en formato Open, e os distintos calendarios de todas as modalidades galegas (rallyes, montaña, rallymix, slálom, karting, autocross, todo terreo e regularidade).
Una xornada asemblearia que serviu para poñer en común distintas ideas e proxectos, mostrou a fortaleza e vontade de cambio que os deportistas e organizadores galegos quixeron nas eleccións, e reflicte a transparencia da Xunta Directiva da FGA, que tomou nota das solicitudes e preocupacións dos asemblearios para continuar medrando xuntos de cara a mellorar, inda máis, os distintos certames autonómicos