Alfono Medela Trío actúa mañá sábado no Auditorio do Carballiño

Mañá sábado, 18 de marzo, ás 20:00 horas, o Auditorio Manuel María do Carballiño acollerá a actuación de Alfonso Medela Trío. Trátase dun concerto cofinanciado coa Rede provincial de espazos culturais (REAOU).

Do mesmo xeito que a pintura é unha arte na superficie, a música é unha arte no tempo. Non hai nada máis abstracto na arte que a música, nin sequera a obra máis abstracta da pintura. Porén, con toda a súa inevitable abstracción, a música é e será sempre unha fonte inesgotable de pracer. O jazz de Alfonso Medela Trío é música con ritmo, improvisación e moito swing. En concerto interpretan o jazz dun xeito natural e espontáneo cunha enorme fluidez e a altas velocidades, o que require unha alta dose de concentración e cohesión.

AVANTAR ACTIVIDADES

O concepto “swing” vén do inglés swing. A sensación de balanceo que experimentamos cando nos movemos libremente nun swing é a mesma que produce a música do Alfonso Medela Trío cando xuntos improvisan dun xeito tan virtuoso e coordinado nun estándar de jazz. No oínte prodúcese unha resposta visceral que o leva a mover os brazos, as pernas e todo o resto do seu corpo ao ritmo marcado polos seus tempos. É unha potente sensación rítmica que provoca un efecto instantáneo de liberdade e felicidade en quen a recibe. Alfonso Medela está nesta ocasión acompañado doutro carballinés, o batería Luís Vivas e ao contrabaixo o virtuoso músico cubano Oscár Rodríguez.

Alfonso Medela é o pianista do Café LAtino de Ourense, onde xoves tras xoves ofrece un repertorio diferente con músicos de primeiro nivel.