Manuel Baltar reivindica a modificación da lei para a elección directa dos gobernos provinciais como “máximos e mellores aliados dos concellos”

O presidente da Deputación participou hoxe en Madrid na reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), última convocatoria deste órgano no presente mandato

Para Manuel Baltar, o cambio da lei electoral é fundamental para potenciar “o labor básico e fundamental que desenvolvemos na vertebración do territorio e dos servizos públicos”

AVANTAR ACTIVIDADES

A comisión aprobou por unanimidade a acta da comisión celebrada en Ourense ademais dun documento con sete propostas de resolución, entre as figuran aspectos relativos ao financiamento e competencias dos gobernos locais intermedios, xestión de fondos europeos ou o reto da implantación da administración electrónica

Madrid, 15 de marzo de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid na reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), un encontro que se celebrou no Senado e que supuxo a última convocatoria deste órgano no presente mandato.

A comisión aprobou por unanimidade un documento con sete propostas de resolución que trasladará ao XIII Pleno da FEMP, previsto para o mes de setembro, entre as que figura unha firme aposta por dar maior visibilidade ao traballo que desenvolven as deputacións, propiciando así unha reflexión sobre o actual sistema electoral dos gobernos provinciais. Sobre este asunto pronunciouse Manuel Baltar ao remate da reunión, reivindicando “a necesaria modificación da lei para a elección directa dos membros das corporacións provinciais”. 

Para o presidente da Deputación, este cambio normativo é fundamental á hora de “defender o papel dos gobernos locais intermedios como os máximos e mellores aliados dos concellos”. Un xeito de potenciar, engadiu “o labor básico e fundamental que desenvolvemos na vertebración do territorio e dos servizos públicos”.

Nunha reunión na que se aprobou tamén a acta da convocatoria celebrada o pasado 6 de febreiro en Ourense, Manuel Baltar destacou tamén a postura unánime da comisión cara un sistema de elección directa dos representantes dos gobernos locais intermedios, “tendo en conta que os membros deste órgano da FEMP formamos parte de partidos políticos diferentes”.

Na sala Manuel Broseta Pont do Senado, e tras ser recibidos polo presidente da Cámara Alta, Ander Gil, os membros da comisión celebraron unha sesión que incluíu na orde do día sete propostas de resolución, todas elas aprobadas tamén por unanimidade, “nota característica de todas as convocatorias que celebramos”, apuntou Manuel Baltar.

Xestión e execución de fondos comunitarios con visión de provincia

Ademais do citado acordo sobre a modificación da lei electoral, a comisión defendeu a participación das deputacións, cabildos e consellos insulares no deseño, programación e execución dos fondos europeos, tanto dos vinculados ao plan de recuperación como dos referidos ao actual marco financeiro plurianual 2021-2027, sinalando o texto que “a xestión e ejecución de fondos comunitarios con visión de provincia permitiu desenvolver proxectos eficaces e de calidade, integrando aos municipios pequenos e favorecendo ás cidades medianas”.

Ademais de expresar o firme compromiso na loita contra a despoboación no rural, reclamouse a dotación económica para os plans provinciais e insulares de obras e servizos, consignada nos orzamentos xerais do Estado pero desaparecida hai anos. Expresouse ademais a necesidade de impulsar toda iniciativa que reforce o marco competencial e un novo sistema de participación nos ingresos do Estado, garantindo a suficiencia financeira dos gobernos provinciais, cunha chamada tamén a afrontar o reto da dixitalización das administracións, con especial atención aos concellos de menor tamaño.

O presidente da comisión e presidente da Deputación de Xaén, Francisco Reyes, fixo balance dun mandato marcado pola pandemia primeiro e pola guerra de Ucraína despois. Destacou que nestes catro anos “tivemos oportunidade de seguir levando as reunións ao territorio, profundando nesa visibilidade dun instrumento que se non existise habería que crealo, de apoio aos pequenos e medianos municipios”. Afirmou que os gobernos locais intermedios “xogamos un papel fundamental como primeira trincheira, sen ter competencia, sen ter recursos, sen ter sequera un manual de instrucións, pero creo que superamos con boa nota este difícil momento”.