O PP alerta da “descomposición” do goberno de Ribadavia pola dimisión dun concelleiro onte

O Partido Popular de Ribadavia amosou a súa opinión con respecto á dimisión na xornada de onte do concelleiro responsable de persoal e servizos municipais do goberno en coalición do PSOE e Ribeiro en Común. Fixérono a través do seguinte comunicado:

“Coa dimisión do concelleiro do PSOE, responsable de persoal e servizos municipais, queda acreditada a descomposición do goberno municipal de Ribadavia. O concelleiro dimisionario, que era o concelleiro con maiores competencias no goberno municipal de coalición despois da alcaldesa, dimite do seu cargo afirmando que a moción de censura que puxo no goberno a PSOE e Ribeiro en Común supuxo un fracaso e un retroceso para Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con esta dimisión queda claro que aos concelleiros que asinaron e apoiaron a moción de censura contra o Partido Popular de Ribadavia o último que lles preocupaba era Ribadavia e solo se movían por intereses persoais, tal e como afirma o concelleiro do PSOE na súa carta de dimisión. Na carta de dimisión o concelleiro de persoal e servizos municipais sinala que, no goberno de coalición, os intereses persoais dos membros dese goberno estaban por riba dos intereses da cidadanía, e afirma tamén o fracaso do goberno bipartito e a inexistencia dun proxecto común para Ribadavia por parte dos concelleiros que asinaron a moción de censura en febreiro de 2021.

Dende o Partido Popular de Ribadavia lamentamos profundamente que, tal e como sinala o concelleiro que ven de dimitir na súa carta de dimisión, Ribadavia estivese durante estes máis de dous anos sometida aos intereses persoais dos membros do goberno municipal, un sometemento do que é cómplice e parte activa o concelleiro que hoxe dimite. Pero se de algo teñen que servir estes dous anos e medio de parálise e desgoberno en Ribadavia é para ter claro que Ribadavia necesita contar, a partir de maio, con un goberno forte do Partido Popular de Ribadavia, un goberno que teña unha maioría ampla que impida que pactos de despacho, nos que priman os intereses persoais duns concelleiros, poidan dar a volta á vontade maioritaria da veciñanza de Ribadavia.

Os populares de Ribadavia estamos convencidos de que o próximo 28 de maio Ribadavia falará alto e claro para dicir que Ribadavia precisa dun goberno forte do Partido Popular de Ribadavia que pense unicamente nos veciños e veciñas de Ribadavia, tal e como ocorreu durante os 20 meses que os populares estivemos á fronte do goberno do concello neste mandato. Un período no que Ribadavia tiña recuperado a ilusión e no que construír o futuro era unha tarefa conxunta de toda a sociedade de Ribadavia, sen tutelas nin dirixismos, un proxecto que comezaba a dar os seus froitos, que garantía o avance e o progreso de Ribadavia e que, sen dúbida, reiniciarase a partir do 28 de maio coa máxima ilusión e co apoio masivo da veciñanza de Ribadavia”.