O BNG cuestiona a nova ubicación das dependencias do Servizo de Doazón de sangue ubicadas na Praza Paz Nóvoa de Ourense

O deputado Iago Tabarés chama a atención sobre que o local do Servizo de doazón de sangue esté fora do CHUO, nunha céntrica praza de Ourense con limitación á circulación de vehículos a motor, e nun inmoble de titularidade privada contratado en réxime de aluguer

Advirte que son numerosos tanto as profesionais, como as doantes que consideran necesario que os Servizos de doazón de sangue e órganos estean nas instalacións do CHUO, tanto para a axilizar a xestión das eventuais emerxencias, o transporte dos produtos farmacéuticos ou para facilitar o aceso das doantes

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 17 de marzo de 2023. O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo e a través dunha iniciativa rexistrada polo deputado Iago Tabarés, lembra na exposición de motivos da mesma que “após de meses nos que Ourense estivo privada de instalacións fixas nas que poder realizar extraccións de sangue debendo realizarse nunha unidade móbil situada no CHUO, na que ademais de incomodidades e limitacións propia da escaseza de espazo, se imposibilitaba a utilización dos sistemas máis eficaces para o aproveitamento, a Xunta de Galiza ven de inaugurar un novo local para a realización de extraccións de sangue”.

Os nacionalistas recoñecen que “o local recentemente inaugurado vai permitir restablecer a realización de extraccións por medio de sistemas como a aferese que permitirán unha maior eficacia nas doazóns de sangue, así como incrementar as posibilidades de extracción das doantes” ao tempo que lamentan qu o peche das instalacións da Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue no CHUO provocou a carencia de reservas sanguíneas dos grupos A+, A- e O+ obrigando á suspensión de diversas operacións cirúrxicas.

Mais segundo denuncia Tabarés, “o local do Servizo de doazón de sangue inaugurado pola Xunta está fora do CHUO, nunha céntrica praza de Ourense con limitación á circulación de vehículos a motor, e nun inmoble de titularidade privada contratado en réxime de aluguer”.

Tabarés incide, “son numerosos tanto as profesionais, como as doantes que consideran necesario que os Servizos de doazón de sangue e órganos estean nas instalacións do CHUO, tanto para a axilizar a xestión das eventuais emerxencias, o transporte dos produtos farmacéuticos ou para facilitar o aceso das doantes, ignorando se o centro aberto hai escasos días ten vocación de permanencia ou é unha solución conxuntural”.

E é por iso que desde o Grupo parlamentar do BNG veñen de plantexar unha serie de preguntas para a súa resposta en Comisión. Desde a formación nacionalista queren coñecer as razóns polas que a Xunta de Galiza non cedeu a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue un local nas instalacións do CHUO para practicar as extraccións.

Igualmente se o Executivo galego Considera que dentro do inmoble do Hospital Santa María Nai non existen dependencias que se puideran acondicionar para o Servizo de doazón de sangue, así como cal é o custe do aluguer do local, os motivos polos que se escolleu esa ubicación e se na reforma prevista para o Centro de saúde Novoa Santos está prevista a creación de instalacións nas que practicar doazóns de sangue.