O Marcos Valcárcel acolle a mostra “Cabodano. II Andaina”, deseñada como homenaxe ao Centro de Estudos Fotográficos

IES CHAMOSO LAMAS

Na exposición, que poderá ser visitada ata o 9 de abril, o artista ourensán Rosendo Cid intervén varios libros editados por este centro ao longo de tres décadas de traxectoria

Ourense, 15 de marzo de 2023.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde esta tarde ata o 9 de abril a segunda andaina do proxecto “Cabodano”, unha exposición que serve de homenaxe á actividade editorial do Centro de Estudos Fotográficos (CEF) a través da intervención de varios libros editados por este centro polo ourensán Rosendo Cid. 

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

Manuel Sendón, artista fotográfico e director do CEF, explica que “cando o Centro de Estudos Fotográficos interrompe a súa actividade como editora, despois de ter publicado en trinta anos 44 libros de fotografía, xorde a idea de facer un ‘velorio’ en forma de exposición da súa actividade editorial. As circunstancias non o fixeron posíbel, mais non se abandonou a idea que, co tempo, foi collendo máis intensidade, e xurdiu o proxecto Cabodano da actividade editorial do CEF”. “Un proxecto onde a memoria é o esencial”, define Manuel Sendón.

En relación ao inicio do proxecto, o director do CEF relata que “convidamos, a tres artistas -Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta- a traballar sobre os libros que publicamos, traballos que foron mostrados en 2019 na sala da Fundación de Vigo. Posteriormente en 2021, iníciase unha nova etapa do proxecto, ‘Cabodano. IIª Andaina’, poñendo a disposición de diferentes artistas os libros que quedan, fundamentalmente exemplares de Do Trinque, tendo unha importante proxección fóra de Galicia”. 

“Coa obra de Rosendo Cid dase continuidade a este proxecto, do que xa se teñen presentado as propostas de Almudena Fernández, Alberto Ardid, Mónica Alonso, María X. Fernández, Juan Rivas, Ignacio Pérez Jofre, Din Matamoroque e Christian Villamide”, conclúe Manuel Sendón. 

Pola súa banda, Rosendo Cid, autor ourensán da mostra, explica que “as cubertas dun libro teñen a importancia evidente de que son o primeiro co que nos atopamos, sendo aquilo que nos da pistas ou suxestións do que imos ver no interior, de tal xeito que para este proxecto decidín intervir nelas e neste caso, a modo de colaxe, nalgúns exemplares da colección Do trinque”.

“Para darlle máis protagonismo a cada libro, pensei que sería unha boa idea empregar as imaxes e o material, precisamente, do propio interior, sendo así unha posta en valor e un material máis axeitado para levar a cabo dita proposta. Así, escollín catro libros, dos cales poden verse cinco variantes e alternativas de cada un”, conclúe Rosendo Cid.