Sarín Núñez, actual Portavoz do BNG en Barbadás será o candidato nacionalista nas eleccións do 28 de maio

Cunha candidatura moi renovada e na que prima a xente moza, asume o reto coa clara convicción de que o BNG acadará un gran resultado

Barbadás, 17 de marzo de 2023. Sarín Núñez, actual Portavoz do BNG no Concello de Barbadás será o candidato nacionalista á alcaldía nas próximas eleccións municipais previstas para o 28 de maio. Así o anunciou o propio Núñez esta mañá nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por varios dos membros da candidatura, concretamente por Andrés Soto, Iria Lorenzo e Nuria Feijoo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sarín Núñez comezou a súa intervención agradecendo o traballo das e dos compañeiros da Asemblea Local do BNG de Barbadás ao longo de todo este tempo. Agradeceu o traballo do responsable local, Xosé Manoel Firvida e fixo especial fincapé no traballo desenvolto por Carlos González Durán, actual membro do Grupo municipal do BNG no concello e o cal, “por motivos persoais non repite no primeiro tramo da candidatura aínda que si que forma parte dela”.

Sarín destacou que a conformación da candidatura é froito do “traballo desenvolto ao longo dos últimos meses con continua interlocución social con diferentes colectivos do concello e co obxectivo de acadar unha lista na que todas as parroquias estean representadas e que toda a veciñanza se poida sentir identificada con ela”.

Núñez amosouse orgulloso da candidatura na que se integran até un total de 14 mulleres e na que destaca a presenza de xente moza, até un total de 8 persoas con idades entre os 20 e os 30 anos, “reflicte a realidade social de Barbadás e os diferentes sectores sociais do concello así como das diferentes parroquias que o conforman”, e engade, “estamos diante dunha renovación importante da candidatura da que tamén forman parte persoas con ampla experiencia para encarar os retos que temos por diante”.

Sarín Núñez salientou que a partir de agora “iniciamos un arduo traballo para a configuración do noso programa electoral que reflicta as demandas veciñais e permitan facer de Barbadás un concello dinámico, próspero e atractivo e onde os servizos públicos e de calidade teñan unha gran importancia”.

Cuestionado polos xornalistas sobre cales serán aquelas medidas máis importantes, Núñez indicou que a reivindicación dun Centro de día, a creación de piscinas climatizadas que poidan ser empregadas todo o ano ou unha segunda escola infantil, “tendo en conta que no noso concello nacen ao redor de 90 crianzas ao ano”, son algunhas das propostas que anunciou formarán parte da proposta do BNG para as vindeiras eleccións municipais.

Membros da lista do BNG ao Concello de Barbadás

.Serafín Núñez Pérez.

2. Nuría Feijoo Fernández

3. Iria Lorenzo Blanco.

4. Andrés Soto Sánchez.

5. Ainhara Francisco López.

6. J. Luis Gallego Villanueva

7. Mª Sol Reis Rodriguez Dopazo

8. Jesus Fernández Rodríguez.

9. Iria Quintairos Bugallo

10. Millán Puga López

11. Mª Pilar Álvarez Penin.

12. Daniel Pena Rodríguez.

13. Ana Isabel Feijoo Álvarez

14. Pablo García Rodríguez

15. Uxía Núñez Luis.

16. Noa Fírvida Cortés.

17. Xosé Manoel Afonso Noceda.