Daniel Caneiro encabezará a candidatura do Psdeg-Psoe á alcaldía do Riós co obxectivo de desbancar ao actual equipo de goberno e sacar da ruína económica ó municipio

O candidato explica que a situación económica provocou que nos próximos 11 anos “estaremos sometidos a un plan de saneamento, o que lle suporá o concello unha serie de problemas e que vén motivado pola pésima xestión e administración do equipo de goberno”

Fixa como obxectivos principais “atender as reivindicacións da  veciñanza, loitar contra o despoboamento, apostar polos recursos naturais, axudar a natalidade e mellorar as infraestruturas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Riós, 18 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE vén de anunciar que Daniel Caneiro Villarino volverá a ser, por segunda vez consecutiva, o candidato socialista á alcaldía do Riós nas eleccións que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O actual voceiro socialista márcase como principal obxectivo “desbancar ao actual equipo de goberno que leva 30 anos mal gobernando o noso concello, e que nos últimos 4 conseguiron o récord absoluto, que foi levar as arcas municipais a absoluta ruína”.

O candidato do PSdeG-PSOE explica que a situación económica provocou que nos próximos 11 anos “estaremos sometidos a un plan de saneamento, o que lle suporá o concello unha serie de problemas e que vén motivado pola pésima xestión e administración do equipo de goberno”. Ante esta situación os e as socialistas do Riós presentan un equipo “moi preparado, con ilusión e con moitas ganas de traballar por este concello”.

Daniel Caneiro explica que en próximas datas darán a coñecer o programa electoral, pero namentres fixa como obxectivo principal “atender as reivindicacións que nos leva feito a veciñanza nas múltiples visitas que fixemos a todos os núcleos de poboación do concello”. O candidato socialista tamén destaca como outro dos puntos de traballo “intentar frear o despoboamento que paulatinamente leva o noso municipio a desaparición, senón tomamos unha serie de medidas para fixar poboación”.

O actual voceiro do grupo municipal socialista destaca como outra das metas importantes “explotar e sacarlle partido os nosos recursos, como son a castaña, as setas ou o mel”. Apunta que outra das necesidades primordiais “é apostar pola Denominación de Orixe Monterrei, a gran esquecida no municipio”, xa que tal e o como apunta “no Riós non hai un só metro cadrado de viñas polo esquecemento e a desidia do goberno municipal do PP”.

Dende o PSdeG-PSOE do Riós tamén se marcan como obxectivo “crear unha serie de axudas a natalidade, pero de verdade, non como as de mentira do actual equipo de goberno”, xa que tal e como sinalan “o único sitio onde están as axudas e no periódico, porque cando as familias acoden a solicitalas dinlle que non hai, posto que o concello non ten un duro para axudar á natalidade”.

“Loitaremos contra o abandono das rúas e dos núcleos de poboación do municipio, esquecidos nos últimos 4 anos, así como as estradas, que presentan un estado lamentable”, afirma Daniel Caneiro. O candidato socialista tamén destaca a necesidade de “pintar liñas nas estradas municipais, xa que os días de néboa ou choiva forte, apenas se ve por onde se circula”. Por último, afirma que “todo isto levarémolo a cabo sempre que o 28 de maio academos a alcaldía do Riós”.