Os e as socialistas prestaron apoio á asociación Bicos de Papel, que naceu en 2017 a través dun grupo de familias que pasaron ou estaban a pasar pola complicada experiencia de ter un fillo ou filla con cancro
Entre as súas actividades destacan o apoio socioeconómico; o aloxamento nunha vivenda alugada pola asociación; a humanización da estancia hospitalaria ou o apoio pedagóxico e psicolóxico
Ourense, 17 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE acompañou e prestou hoxe o seu apoio a Bicos de Papel na súa presentación en Ourense. Esta asociación facilita axuda a nenos e nenas con enfermidades oncolóxicas, así como ás súas familias. Os e as socialistas agradeceron o “fundamental” traballo desta asociación “tan necesaria”; reivindicaron o papel destas persoas que “suplen unha labor que deberían facer as administracións públicas” e reclamaron, unha vez máis, o apoio expreso para a atención sanitaria a nenos e nenas en Ourense que, na actualidade, deben desprazarse a outras provincia para recibir algúns tratamentos que duran ata dous anos.
Desde o PSOE anunciaron a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia e na Deputación de Ourense para cambiar esta situación. Na rolda de prensa no Centro Cultural José Ángel Valente participaron o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino; a deputada no Parlamento, Marina Ortega e a edil no Concello de Ourense, Rosa Martínez; xunto a Milagros Martínez e Natalia Dieste, presidenta e directora respectivamente de Bicos de Papel, así como outras persoas integrantes da asociación.
Desde o seu nacemento, a asociación xa prestou servizo a 19 familias de Ourense, unha media de cinco ao ano, tras darse conta de que había persoas que tiñan que durmir nun vehículo no aparcamento do centro hospitalario durante a duración do tratamento, ante a imposibilidade de facer fronte aos gastos durante períodos tan prolongados.
Bicos de Papel naceu en xuño de 2017 en Vigo a través dun grupo de familias que pasaron ou estaban a pasar pola complicada experiencia de ter un fillo con cancro e que coñeceron, en primeira persoa, os problemas aos que se enfrontaron tras este diagnóstico. Esa vivencia impulsoulles a crear conxuntamente esta asociación, cos fins primordiais de promover melloras na atención e de apoiar a outras familias.
É unha entidade de referencia no hospital Álvaro Cunqueiro e, na actualidade, xa suma 206 socios e socias. Entre as súas actividades destaca o programa de apoio socioeconómico, que busca dotar ás familias afectadas dos recursos necesarios para poder atender nas mellores condicións aos seus fillos. Isto inclúe aloxamento nunha vivenda de acollida que teñen alugada, así como axudas económicas. Actualmente as catro habitacións da vivenda están ocupadas por persoas da provincia de Ourense.
Igualmente traballan no ámbito da humanización e mellora da estancia hospitalaria dos cativos. Tamén contan cun programa de apoio sociopedagóxico que, entre outras propostas, inclúe obradoiros de dinámica de grupo, co obxectivo de crear un grupo de veteranos, co fin de convertelos nun referente e apoio para os demais nenos e nenas.
Outro dos eixos das súas actividades céntrase nos programas de reforzo educativo, lecer ou de rehabilitación de secuelas. Tamén manteñen un convenio de colaboración que facilita acceso á terapia psicolóxica con atención preferente.