Julio Prada Hohenstein encabezará a lista do Psdeg-Psoe á alcaldía de Vilardevós

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Julio Prada Hohenstein encabezará a lista do Psdeg-Psoe á alcaldía de Vilardevós co obxectivo de municipalizar os servizos e apostar polo “emprego, os recursos e a cultura”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Temos que pór en marcha medidas municipais para facer atractivo o noso concello, tanto para empresas que creen postos de traballo, como para fomentar a agricultura ou o gando para que a xente nova a vexa como unha vía de futuro”, sinala

“Temos que animar á poboación a que vexa que recursos como o mel, as setas ou a castaña son sectores que teñen agora cero axudas e dos que non se da ningunha información”, sinala Prada Hohenstein

Vilardevós, 20 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE vén de dar a coñecer que Julio Prada Hohenstein será o candidato á alcaldía de Vilardevós nas vindeiras eleccións municipais que se celebrarán o próximo 28 de maio. O candidato socialista aposta por un municipio que “avance pobo a pobo”, xa que segundo apunta “xuntos somos máis fortes”.

O candidato do PSdeG-PSOE, que repite como cabeza de lista da candidatura socialista, sinala que “precisamos dun concello áxil e resolutivo para dar resposta rápida a problemática veciñal”. Neste senso, tamén apunta que “hai que estar en contacto permanente coas asociacións veciñais e xuntas de montes, porque son os que verdadeiramente saben que cousas precisa cada núcleo de poboación”.

O actual voceiro do grupo municipal socialista destaca como un dos obxectivos principais “municipalizar os servizos públicos, que antes xestionaba o concello de forma efectiva e que agora están privatizados”. Julio Prada fai fincapé no “enorme” potencial turístico de Vilardevós, poñendo como exemplos “o camiño de Santiago ou a fervenza da Ciudadela”. Tamén apunta, en relación ao mercado laboral, que “temos que pór en marcha medidas municipais para facer atractivo o noso concello, tanto para posibles empresas de fóra que creen postos de traballo e se asenten en Vilardevós, como para fomentar a agricultura ou o gando para que a xente nova a vexa como unha vía de futuro”.

“Temos que animar á poboación a que vexa que recursos como o mel, as setas ou a castaña son sectores que teñen agora mesmo cero axudas e dos que non se da ningunha información”, sinala Prada Hohenstein, que tamén apunta que “teñen que ser motores imprescindibles para a economía municipal”.

Julio Prada tamén pon o foco na cultura e explica que “culturalmente, en Vilardevós está todo por facer”, afirmando que “é preciso que a xente teña postos de traballo, pero tamén axudas e unha oferta cultural e de ocio para o seu tempo libre”. Neste senso subliña que “somos o único concello da comarca que deixou morrer a cultura, coa desaparición da cabalgata de reis, o magosto ou a feira”. Por último, o candidato do PSdeG-PSOE finaliza apuntando que “non temos nada e nós queremos volver a telo todo, queremos ser o Vilardevós que avanza pobo a pobo porque xuntos somos máis fortes”.