A directora-xerente de Galicia Calidade visita a sede do C.R.D.O. Ribeiro

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, reuníronse esta mañá na sede institucional do Consello Regulador, en Ribadavia, para celebrar un encontro para expoñer os proxectos que se levarán a cabo este ano e poder estudar novas liñas de traballo en común para o futuro.

Trataron tamén fórmulas para que se poidan certificar máis viños desta Denominación de Orixe ao selo de garantía de Galicia Calidade. Polo momento unicamente dúas adegas e os seus viños están adscritas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Juan Casares puxo a disposición de Galicia Calidade o seu apoio a esta marca de calidade que recentemente cumpriu 25 anos para axudar no seu obxectivo de incrementar os produtos certificados. Na xuntanza trataron a posibilidade de certificar a Ruta do Viño do Ribeiro, que se convertería así na primeira experiencia enoturística en facelo. En palabras de Casares “quero felicitar a Ana Méndez polo labor que está a desenvolver nos meses que leva á fronte de Galicia Calidade, considero que o seu traballo é unha fonte de revitalización para esa marca, que é unha das bandeiras agroalimentarias que actualmente temos en Galicia”.