A Xunta e o concello de Sarreaus rematan a reforma da cuberta do centro de saúde municipal

  • Substituíuse o material de cubrición da cuberta existentepara aumentar o illamento térmico da envolvente
  • As actuacións tiveron un orzamento de mais de 30.000 euros e foron froito dun convenio entre Xunta e o concello de Sarreaus
  • Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Ourense, 23 de marzo de 2023.-  O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora asistencial da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Mar Vázquez, acompañados do alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas visitaron as obras de reforma do centro de saúde de Sarreaus.

O orzamento executado foi de mais de 30.000 euros e froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras consistiron na substitución do material de cubrición da cuberta existente, procedendo a substitución da capa de cubrición de cuberta de tella curva por un faldón de cobertura de tellas cerámicas fixadas sobre placa de microcemento e rastreles de madeira de pino que permitirá aumentar así o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.

Colaboración cos concellos

A Xunta de Galicia colabora de xeito habitual cos concellos no financiamento de obras de reforma en centros de saúde que, coma este, son titularidade dos concellos galegos. Nesta lexislatura, o goberno galego asinou máis de 25 convenios para achegar máis de 832.000 euros a reformas de centros de saúde dos que tamén sufraga os custos ordinarios de mantemento.

Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-.  En particular, o Concello de Sarreaus recibiu no 2022 a cantidade de 11.269,34 euros para financiar os mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a reforma no centro de saúde de Arnoia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar ou Vilar de Barrio.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas.