As estradas da provincia reunirán a 300 ciclistas esta Semana Santa nunha nova edición da Challenge “Os 4 días de Ourense”

A proba, que se celebrará entre o 6 e o 9 de abril, partirá diariamente de Baños de Molgas e atravesará os concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas e Taboadela 

A cita contará con catro etapas cun percorrido medio de 70 quilómetros, participando uns 150 ciclistas de media en cada etapa entre as sete categorías en modalidade masculina e feminina

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 23 de marzo de 2023.- Arredor de 300 ciclistas participarán do 6 ao 9 de abril nunha nova edición da Challenge “Os 4 días de Ourense”, unha proba organizada pola Fundación ADO Moure e a Deputación de Ourense, coa colaboración pública da Xunta de Galicia. 

A nova edición desta proba ciclista foi presentada esta mañá no Pazo Provincial, contando coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias; o xefe de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure; o representante do Grupo La Región, Jorge Villarino; e o xerente de Toyota Ourense, Pablo Pérez. 

A proba constará de 4 etapas cun percorrido medio de 70 quilómetros, partindo diariamente de Baños de Molgas e atravesando tamén os concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas e Taboadela. 

Segundo estima a organización da Challenge “Os 4 días de Ourense”, dos 300 ciclistas inscritos nas sete categorías en modalidade masculina e feminina participarán, de media, uns 150 en cada unha das catro etapas.