O Marcos Valcárcel acolle ata o 7 de maio a exposición “Arquitecturas”, de Nuria Lago

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta tarde na inauguración dunha mostra que reflexiona sobre a “resiliencia do ser humano ante a adversidade”, a través de obras pictóricas e esculturas feitas maioritariamente con elementos naturais e desbotables

Ourense, 23 de marzo de 2023.- O Marcos Valcárcel acolle dende esta tarde e ata o 7 de maio a exposición “Arquitecturas”, de Nuria Lago, un traballo pensado e realizado exclusivamente para este centro cultural, e que afonda na resistencia do ser humano ante as adversidades. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta tarde na inauguración da exposición acompañado pola artista; a comisaria da exposición, Alexandra R. Rey; e o director do centro cultural, Francisco González. 

“Arquitecturas” é un proxecto que nace, segundo explica a autora, “tras o estudo e a reflexión sobre a resiliencia do ser humano ante a adversidade; esa capacidade ilimitada de seguir non só superando o acontecido, senón saíndo fortalecidos aprendendo da experiencia, en definitiva, medrando”. “Arquitecturas”, explica Nuria Lago, “trata de recoller a expresión desta capacidade humana de reconstruirse, pero dun xeito aberto e ilimitado”.

O espírito do proxecto materialízase na mostra en obras pictóricas e esculturas, feitas maioritariamente con elementos naturais e desbotables, que teñen diferentes aspectos e tamaños. “Todas elas son compactas e sintéticas e teñen en común que en todas se poderían engadir ou quitar elementos, ou movelos, ou trocar a súa forma, representando así cada unha un novo ser humano, cunha nova apariencia, que se fixo e se refará máis veces despois de cada experiencia vivida e que nos conta unha historia. A súa propia historia”, remarca a autora de “Arquitecturas”. 

Pintura contemporánea e investigadora multidisciplinar

Nuria Lago (Vigo), desenvolve a súa actividade artística dende finais dos anos noventa, expoñendo de xeito individual e en mostras colectivas, así como sendo seleccionada en diferentes certames nacionais e internacionais. Aínda que leva desenvolvido fundamentalmente o seu traballo no eido da pintura contemporánea, actualmente, a súa labor investigadora é de carácter multidisciplinar.