O Psdeg-Psoe presenta a Noelia Rodríguez como candidata á alcaldía de Ribadavia co obxectivo de desenvolver o proxecto socialista para que a vila siga medrando

Noelia Rodríguez  puxo o foco na necesidade de desenvolver un proxecto, o socialista, “enfocado nas persoas, un proxecto que teña en conta os potenciais deste concello, o patrimonio ou o sector vitivinícola, sustento de moitas familias”

Destacou que “cando o PSOE goberna, Ribadavia crece e así o fixemos, crecendo en servizos sociais, en axudas sociais, en conciliación, en investimentos ou nunha mellor dotación de recursos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ribadavia, 24 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE vén de presentar a súa candidata en Ribadavia de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Noelia Rodríguez Travieso foi presentada como cabeza de lista da candidatura socialista nun acto celebrado na igrexa da Madalena de Ribadavia no que participaron centos de persoas e no que a candidata socialista estivo arroupada polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e polos ex alcaldes socialistas, Marcos Blanco e Nacho Gómez, ademais de por numerosos militantes e veciños e veciñas que non quixeron perderse a presentación.

No acto realizouse unha homenaxe a José Prieto, o concelleiro socialista que máis lexislaturas formou parte da corporación municipal, superando as dúas décadas e no que se lle agradeceu o seu compromiso e traballo a prol de Ribadavia. Tamén se realizou unha sentida homenaxe a todas aquelas persoas que formaron parte do PSdeG-PSOE como concelleiros, concelleiras, candidatos e militantes e que xa non está entre nós. Un momento moi sentido e no que estiveron presentes os familiares de todas estas persoas e proxectouse un vídeo con imaxes de todos e todas elas.

A candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ribadavia, Noelia Rodríguez, salientou durante a súa intervencións que se presenta con “ilusión”, pero tamén “con moito respecto e humildade”. A actual rexedora da vila durante os últimos 2 anos fixo fincapé en que “estes 2 anos non son suficientes para que unha alcaldesa poda desenvolver o seu proxecto, polo que me presento coas ganas de traballar a prol da veciñanza como levo facendo dende que no ano 2011 comecei a traballar como concelleira”.

A actual rexedora da vila puxo o foco na necesidade de desenvolver un proxecto, o socialista, “enfocado nas persoas, un proxecto que teña en conta os potenciais deste concello, o patrimonio ou o sector vitivinícola, sustento de moitas familias”. A candidata socialista destacou que “cando o PSOE goberna, Ribadavia crece e así o fixemos, crecendo en servizos sociais, en axudas sociais, en conciliación, en investimentos ou nunha mellor dotación de recursos”.

Durante a súa intervención, Noelia Rodríguez aproveitou para enviarlle unha mensaxe ás mulleres de Ribadavia ás que lles trasladou que “temos a capacidade e a forza para brilar por nós mesmas, somos imprescindibles como estamos a demostrar día a día, a pesar dos ataques doutros que son incapaces de ver que unha muller ten a mesma ou mais valía cun home”. Neste senso tamén apuntou que “a sociedade necesítanos, os concellos necesitan mulleres ao fronte, temos outra visión, outra sensibilidade e outra forma de gobernar”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, aproveitou a súa intervención para trasladar os seus parabéns á candidatura da vila de Ribadavia, así como as que irán presentándose en toda a bisbarra e partido xudicial do Ribeiro onde se espera que se unan ás alcaldías actuais de Ribadavia, Carballeda de Avia e Melón alo menos as de Beade, Castrelo de Miño e Cenlle, “confiándose no aumento de votos nas restantes, así como na posibilidade de medrar nos restantes cara a conquista dunha nova acta na deputación provincial”.  

O líder dos socialistas ourensáns lembrou o papel de Ribadavia como “o lugar da provincia onde se fixo fronte á sublevación, sendo tamén onde se realizaron as primeiras detencións franquistas, e tivo lugar a maior macro-causa contra os defensores da II República, con 112 encartados, dos que foron procesados 106, someténdose 55 a consello de guerra”. “As 21 penas de reclusión perpetua, e 4 de morte, así como unha dura represión paralegal da que nunca se terán datos completos son o negro rostro do fascismo”, afirmou.

Na honra das persoas socialistas, realizou un percorrido cronolóxico da barbarie acometida contra os socialistas, incluíndo o asasinato paralegal de Sebastián Pérez Regueiro e Cándido García Corral, as condenas a cadea perpetua de Avelino Varela Ferreiro, Carlos Alonso Losada, Fulgencio Lorenzo Lira, e Manuel González González, así como o fusilamento de Manuel Alonso Domínguez, Celso González Rodríguez, Fidel Blanco Leboso, e a pena de morte conmutada a cadea perpetua do mestre Raúl González Gómez.  “Na memoria das persoas socialistas de antes, e das compañeiras e compañeiros de hoxe, desexoulles ás candidaturas actuais forza e ilusión para seguir a construír a senda do progreso en Ribadavia, na súa bisbarra e partido xudicial e na provincia de Ourense”, finalizou Villarino.

No acto tamén participaron de forma virtual a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o ministro de Cultura, Miquel Iceta; que enviaron mensaxes de ánimo e apoio a candidata socialista.