O Psdeg-Psoe presenta a súa candidatura en Barbadás e que encabezará Xose Carlos Valcarcel cun equipo que quere traballar con “ilusión, honestidade e transparencia”

Destacan que se trata dunha candidatura “transversal”, que acolle a persoas que representan a toda a sociedade do municipio, con moitas “sensibilidades diferentes” e que aporta “sabia nova e experiencia contrastada de goberno”

Xosé Carlos Valcarcel Doval, sinala que se trata dun proxecto no que “a ética, a transparencia, a honestidade e os valores do feminismo, do progresismo e da solidariedade son os piares do traballo do goberno”

AVANTAR ACTIVIDADES

Barbadás, 24 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE vén de presentar a súa candidatura para as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro mes 28 de maio e que estará encabezada polo actual alcalde, Xosé Carlos Valcarcel Doval. Nun acto celebrado no parque dos Carrís os e as socialistas deron a coñecer a lista completa de candidatos e candidatas que acompañarán ao actual rexedor, un equipo que segundo salientan “quere traballar con ilusión, honestidade, transparencia, proximidade e con moitos proxectos de futuro”.

Dende o PSOE de Barbadás destacan que se trata dunha candidatura “transversal”, que acolle a persoas que representan a toda a sociedade do municipio, con moitas “sensibilidades diferentes” e que aporta “sabia nova e experiencia contrastada de goberno”. Neste senso, tamén apuntan que “só un goberno progresista é capaz de aglutinar a persoas que proceden do mundo do emprendemento, de profesións liberais, da administración pública, da empresa privada, pensionistas, desempregados ou estudantes”. Unha candidatura que incorpora tamén emigrantes e retornados e que pon de manifesto que “pode representar a toda a cidadanía”.

Os e as socialistas de Barbadás márcanse como principais obxectivos “mellorar as dotacións, recuperar o medio ambiente, pór en marcha novos roteiros culturais e turísticos, mellorar a seguridade pública e seguir avanzando na igualdade entre homes e mulleres”. Unha candidatura que en palabras do PSdeG-PSOE “presenta unha gran renovación, xa que consideramos que para transformar a política, hai que ser cribles para a veciñanza”.

O candidato á alcaldía de Barbadás polo PSdeG-PSOE, Xosé Carlos Valcarcel Doval, sinala que se trata dun proxecto no que “a ética, a transparencia, a honestidade e os valores do feminismo, do progresismo e da solidariedade son os piares centrais do traballo do goberno”. Tamén fai fincapé na renovación da candidatura alegando que “presentamos unha lista chea de dinamismo e coa ilusión e a forza que aporta a mocidade e chea de novos proxectos pensados para mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas de Barbadás”.

O actual rexedor tamén aproveita para lembrar que nos últimos catro anos, Barbadás “experimentou unha transformación total”, destacando as melloras en infraestruturas, estradas, beirarrúas, parques, a chegada do LED, o fomento do comercio local ou a hostalería. Valcarcel Doval apunta a que Barbadás “converteuse nun referente provincial pola súa intensa actividade cultural, pensada para todos os públicos e con actividades totalmente gratuítas”. Destaca os servizos sociais e “o gran esforzo feito para atender as persoas, coa implantación de novos servizos para que ningún veciño quede sen atender”. O alcalde tamén desvela que “temos moi avanzadas as negociacións para situar na Valenzá un posto da Garda Civil, de vital importancia e que permitirá mellorar a seguridade”.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Barbadás tamén subliña o “dinamismo económico”, xa que tal e como apunta “fai 4 anos Barbadás tiña unha taxa de desemprego do 8,24% e en febreiro de 2023 a taxa é do 6,92%, 4 puntos por debaixo da taxa media de Galicia, polo que queremos seguir traballando por mellorar aínda máis esta situación”. Xosé Carlos Valcarcel tamén aproveita para esixir “un reparto xusto e equitativo dos fondos públicos da Deputación de Ourense” e subliña que “os fondos deben distribuírse de xeito que se valore e se teña presenta a poboación e non seguindo criterios de amiguismo”.

“Queremos seguir sumando e queremos máis Barbadás e facer máis pola veciñanza, traballando pola xustiza social, o feminismo e o medio ambiente”, apunta o candidato socialista antes de finalizar afirmando que “esta candidatura de progreso está pensada para toda a veciñanza, cun equipo sumamente capacitado e que só quere traballar dende a humildade para mellorar a situación do concello e ser a voz de todos e todas”.