A Deputación colaborará co Concello de Beariz no impulso ao parque empresarial e a mellora de infraestruturas públicas

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Beariz, Manuel Prado

Manuel Baltar comprometeu a colaboración coas iniciativas de cooperación expostas polo rexedor, enfocadas no apoio ao polígono, a construción do velorio municipal e ao acondicionamento da travesía de Doade

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 26 de marzo de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para avaliar o estado das actuacións levadas a cabo pola Deputación na localidade e abordar novas liñas de colaboración entre as dúas administracións.

Manuel Baltar salientou que esta xuntanza “é un bo exemplo da dinámica de cooperación que mantemos desde a Deputación, traballando da man dos concellos en todos aqueles proxectos importantes que resultan na mellora do benestar dos veciños e, en definitiva, na dinamización da provincia”. Ademais, o presidente do goberno provincial sinalou que “a Deputación, como concello dos concellos, estará sempre ao seu carón para satisfacer as demandas e necesidades da veciñanza”.

Manuel Baltar avanzou a colaboración provincial no afirmado do vieiro principal do futuro Parque Empresarial de Lebozán, un proxecto co que tamén colabora a Xunta de Galicia. O presidente do goberno provincial tamén comprometeu o apoio da Deputación na construción do velorio municipal -un proxecto que o alcalde valora como “imprescindible para Beariz”- e no acondicionamento da travesía de Doade, con especial énfase na mellora dos aparcadoiros. 

Pola súa banda, Manuel Prado valorou moi positivamente “a atención que recibimos sempre do goberno provincial, sendo o noso mellor aliado na realización de todas aquelas iniciativas estratéxicas para o Concello, e que sería imposible levalas a cabo sen a súa colaboración”.