O Concello e O’Potiños impulsan un libro memorable e inédito sobre as pulpeiras, con imaxes de 30 familias e ata 3 xeracións

Trátase dun traballo memorable, nunca antes feito, e que tomará forma de libro. O Concello do Carballiño e a Asociación Fotográfica O Potiños impulsan una publicación  na que participan 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións. A idea xurdiu cando a Asociación de Pulpeiros e O Potiños comezan a colaborar para realizar fotografías para a páxina web da primeira entidade. Nese momento empeza a tomar forma o libro, pois as imaxes tiñan moito que dicir.

Tal e como explicou a presidente de O Potiños, Manuel Blanco, o traballo componse de 60 fotografías en branco e negro realizadas no estudio e nas que o pulpo desaparece como elemento esencial para dar protagonismo a este colectivo de traballadoras e á súa historia. Ademais, prevese que 35 desas fotografías sexan expostas para que todos os veciños, veciñas e visitantes poidan achegarse ás experiencias e á forma de vida dos pulpeiros e pulpeiras. Blanco agradeceu o apoio do Concello para que ese libro, con fotografías realizadas por unha ducia de fotógrafos de O Potiños sexa unha realidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén explicou Manuel Blanco que se trata dun libro que mestura fotografía e literatura, pois inclúense textos do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que presenta a iniciativa; do colectivo O Potiños; de Carlos Montes sobre a historia desta industria familiar que é o pulpo e  de Felipe Senén.

O rexedor agradeceu o traballo da Asociación Fotográfica O Potiños “que nos permite disfrutar do arte da fotografía a un nivel máximo” e asegurou que este traballo, “dunha calidade excepcional, é un tributo ao Carballiño e á xente que forma parte da súa idiosincrasia como son os pulpeiros e pulpeiras”.

O presidente da Asociación de Pulpeiros, Roberto Pereira, tamén quixo dar as gracias ao Concello e a O Potiños “por apoiar este libro que vai mostrar dunha forma excepcional a nosa historia”.

Unha romería para o mes de abril

O Concello de Carballiño está facendo un gran esforzo por poñer en valor o pulpo á feria e a quenes son as súas principais artífices, as pulpeiras e pulpeiros do pobo. Por iso, e nesta mesma liña, a Praza da Veracruz será o escenario no que se celebre, o 22 de abril, a primeira Romaría das Pulpeiras. Será unha festa gastronómica que tamén porá o foco nas pulpeiras e pulpeiros.