O conselleiro de Sanidade visita o inicio das obras de reforma do centro de saúde de San Amaro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de San Amaro, Fernando Rodríguez Redondo, acompañados polo delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron o centro de saúde de San Amaro, para comprobar o inicio das súas obras de reforma.

Estas actuacións abordarán a reparación da cuberta, que nestes momentos é de tella cerámica sobre placas de cemento ou correas deste mesmo material, e na que unha alta porcentaxe das tellas presentan un estado de deterioro que aconsella a substitución global da mesma. Tamén se levará a cabo o arranxo do falso teito do espazo central, ademais da rehabilitación e a modificación dos actuais aseos para poder ofrecer un servizo adecuado ás necesidades dos pacientes, facéndoos mais accesible e confortables.

AVANTAR ACTIVIDADES

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou, ata os 2,6 millóns de euros, a partida –un 8%-.  En particular, o Concello de San Amaro  recibiu no 2022 a cantidade de 11.671 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado, desde 2017, máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a reforma no centro de saúde de Arnoia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así, durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar, Vilar de Barrio, Castro Caldelas, Riós ou Sarreaus.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora financiando as actuacións cando hai que facer reformas.