O Psdeg-Psoe de Ourense denuncia o peche indefinido e total abandono do espazo Lusquiños, lugar de referencia para a mocidade ourensá, por parte do alcalde Jácome

Reproban que o equipamento municipal segue sen uso despois de varios meses dende que o alcalde anunciara a súa reapertura “inminente” para acoller un “innovador” proxecto

Solicitan a súa reapertura urxente e reclaman que  non se desvirtúe a esencia deste espazo aberto e gratuíto para a mocidade e se manteña o seu carácter dinamizador da creatividade entre a xente nova

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 26 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o peche indefinido do Espazo Lusquiños por parte do alcalde Jácome, un lugar de referencia para a mocidade ourensá que permanece esquecido, abandonado e sen uso malia a reapertura “inminente” anunciada polo rexedor hai varios meses para acoller un “innovador” proxecto.

“Hai case dous meses o alcalde manifestaba que ía reabrir o Lusquiños afirmando que «el nuevo proyecto que se va a hacer aquí es inminente, es super innovador. Le vamos a dar un realce muy fuerte»; mais a única realidade é que, despois de numerosas preguntas nas xuntas de área e nos plenos municipais, seguimos sen respostas e cun valioso equipamento municipal no barrio da Ponte pechado e baleiro de contido”, reproban.

Dende o grupo municipal socialista lembran que o Espazo Lusquiños reabriu as súas portas trala pandemia, en xuño de 2022, para volver pechalas menos de seis meses despois polo “intolerable desleixo e desinterese do microgoberno municipal por potenciar e sacar o máximo partido deste espazo para a xente nova impulsado polo anterior goberno socialista”.

Así as cousas, as e os socialistas do Concello solicitan a reapertura urxente do Espazo Lusquiños e demandan que non se desvirtúe a esencia deste espazo aberto e gratuíto para a mocidade a través de “ocorrencias”, e que se manteña o seu carácter dinamizador e potenciador da creatividade entre a xente nova.

“A mocidade ten que recuperar e ampliar os seus espazos na cidade, que realmente non son suficientes e se atopan claramente infrautilizados”, reclaman, ao tempo que solicitan tamén que o Concello de Ourense recupere a Concellaría de Xuventude, que foi “baleirada e borrada do mapa durante os gobernos dos últimos oito anos”, conclúen.