Femembalses traslada á Dirección General de Tributos a necesidade de axustar a tributación dos concellos afectados por encoros transfronteirizos

O vicepresidente Rosendo Fernández participou en Madrid nesta reunión da directiva da Federación de Asociaciones y Municipios con Centrales Hidráulicas y Embalses (Femembalses) coa Dirección General de Tributos

Femembalses reclamou, entre outros temas, a necesidade de que a normativa vixente afonde no relativo á tributación polo aproveitamento dos recursos hídricos por parte dos concellos con centrais hidráulicas transfronteirizas, como é o caso en Ourense dos encoros de Salas e de Lindoso 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Federación tamén pediu a actualización do Imposto sobre Actividades Económicas na produción eléctrica, e reivindicou a lexitimidade dos concellos nos procesos de revisión catastral

Ourense, 28 de marzo de 2023.- O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá en Madrid na reunión entre a directiva da Federación de Asociaciones y Municipios con Centrales Hidráulicas y Embalses (Femembalses) e a Dirección General de Tributos.

Rosendo Fernández asistiu a esta xuntanza, celebrada no Ministerio de Hacienda y Función Pública, en nome do presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen ocupa a vicepresidencia primeira desta federación. O vicepresidente provincial estivo acompañado, entre outros, pola secretaria xeral de Femembalses, Maite Bardají; e o coordinador de Femembalses, Francisco Gómez. Por parte da Dirección General de Tributos asistiu a directora xeral de Tributos, María José Garde, e o subdirector xeral de Tributos Locais, Óscar del Amo. 

O asunto principal deste encontro foi o relativo á tributación polo aproveitamento dos recursos hídricos nos embalses transfronteirizos, materia na que, segundo Femembalses, “existe un claro baleiro na normativa vixente”. Concretamente, a Federación trasladou aos representantes da Dirección General de Tributos a necesidade de que os concellos con territorios inundados dunha presa situada noutro país poidan recadar o BICE -Bens Inmobles de Características Especiais-, así como outras posibles medidas que compensen o agravio comparativo dos entes locais afectados. 

Esta situación inclúe na provincia de Ourense aos encoros de Salas -cos concellos afectados de Calvos de Randín e Muíños- e Lindoso -con Lobios, Entrimo, Lobeira e Muíños-. En relación a isto, Femembalses reclamou a importancia de trasladar esta problemática aos distintos foros sectoriais nos que se enmarca, é dicir: Tributario, Medioambiental e Política Exterior; así como a inclusión do asunto tributario no Convenio de Albufeira. 

Outro dos puntos abordados nesta xuntanza foi a actualización do IAE -Imposto sobre Actividades Económicas- da produción eléctrica, unha tarifa xestionada polas entidades locais que leva sen revisar desde o 1996 e que desde Femembalses reclaman a súa actualización conforme ao incremento do IPC actual. Finalmente, a Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidráulicas e Encoros tamén reivindicou ante a Dirección General de Tributos a lexitimidade dos concellos como parte interesada nos procesos de revisión catastral. Desde a Federación explican que “estes dous últimos, son temas nos que levamos traballando durante anos e que seguimos defendendo en todos os foros posibles”.