Manuel Baltar: “A estrea de ‘Amigos hasta la muerte’ en Ourense é outro éxito na nosa estratexia de impulso ao audiovisual”

O Teatro Principal acolleu esta tarde a “premiere” da película, a primeira coprodución internacional patrocinada pola Deputación de Ourense e que despois do seu paso polos cines estará en Amazon Prime

“Este é un filme no que o protagonista é Ourense. O audiovisual é unha potente ferramenta de promoción da provincia que nos permite abrir unha ventá de oportunidades do noso territorio cara o exterior”, salientou o presidente da Deputación na súa intervención

AVANTAR ACTIVIDADES

O director da longametraxe, Javier Veiga, agradeceu a colaboración institucional comezando pola da Deputación de Ourense, “o primeiro apoio é chave para arrancar este proxecto”

Ourense, 28 de marzo de 2023.- O Teatro Principal de Ourense acolleu esta tarde a estrea do filme “Amigos hasta la muerte”, unha comedia romántica dirixida polo pontevedrés Javier Veiga co patrocinio da Deputación de Ourense. 

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, interveu na presentación da película acompañado polo director do Agadic, Jacobo Sutil; o produtor e presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; a actriz protagonista Marta Hazas e o propio director dunha longametraxe que xa é a primeira coprodución internacional da Deputación de Ourense, e que despois do seu paso polos cines estará en Amazon Prime. 

“Este é un filme no que o protagonista é Ourense. O audiovisual é unha potente ferramenta de promoción da provincia que nos permite abrir unha ventá de oportunidades do noso territorio cara o exterior”, salientou Manuel Baltar, quen definiu a película e o seu estreo en Ourense como “un novo éxito da estratexia do goberno provincial de apoio ao sector audiovisual, servindo este como un motor de desenvolvemento socioeconómico da provincia”.

“Este proxecto audiovisual volve a ratificar a nosa aposta por converter Ourense nun gran plató de cine, mostrando as potencialidades deste territorio como escenario de producións audiovisuais e facilitando en todo momento a captación de rodaxes”, explicou o presidente provincial na “premiere” da película, que contou no Teatro Principal coa presenza do equipo técnico e artístico da longametraxe, institucións e empresas colaboradoras e representantes da vida sociocultural da provincia.

“Este filme constitúe un fito máis no apoio ao sector audiovisual como axente dinamizador da provincia, unha estratexia que ten dado outros froitos como a creación do Ourense Film Commission, a alianza coa Academia Galega do Audiovisual -materializada na recente celebración en Ourense dos Mestre Mateo- ou o rescate e impulso do Festival de Cine Internacional de Ourense”, salientou Manuel Baltar. 

Pola súa banda, Jacobo Sutil resaltou o apoio da Xunta de Galicia á industria audiovisual galega, un aspecto no que tamén incidiron nas súas intervencións Álvaro Pérez Becerra e o director, Javier Veiga, que despois de recordar que o Teatro Principal tamén acolleu a estrea da obra de teatro na que está baseada esta película puxo en valor a colaboración institucional, comezando pola Deputación, “o primeiro apoio e chave para arrancar este proxecto”. 

“Amigos hasta la muerte”, unha comedia romántica sobre os límites da amizade

“Amigos hasta la muerte” é unha comedia romántica sobre os límites da amizade dirixida polo pontevedrés Javier Veiga, supoñendo a súa primeira longametraxe como director. O propio Veiga protagoniza o filme xunto con Marta Hazas e Mauricio Ochmann, ademais de contar con actores como Xosé A. Touriñán e os ourensáns Ledicia Sola e Nacho Nugo. Rodado na cidade de Ourense e na Vía da Prata, o argumento baséase na obra de teatro homónima -escrita, dirixida e protagonizada tamén por Javier Veiga- e que contou cunha adaptación en galego, “Amigos ata a morte”, colleitando un enorme éxito na súa xira por Galicia da man de actores como Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor. A obra tamén foi adaptada a outras linguas, acadando éxitos en Euskadi, México, EEUU, Porto Rico ou Panamá.

Javier Veiga, Marta Hazas e Mauricio Ochmann son neste filme Suso, María e Nacho, tres amigos que rozan os corenta, cunha longa amizade ás costas e con historias románticas cruzadas. Unha traxedia persoal suporá voltar a vista atrás e analizar temas pendentes e afrontar segredos. Esta comedia romántica, ou comedia dramática, analiza os límites da amizade dentro dun particular triángulo amoroso: os protagonistas terán que responder preguntas como cal sería a túa resposta se a túa parella se fora co teu mellor amigo, se é mellor mentir a persoa que máis queres para evitar que sufra ou se poderías perdoar calquera cousa por amor.

O filme, producido por Medio Limón, Sygnatia, Onírica Films e Ainé, vén de participar na sección oficial fóra de concurso do Festival de Cine de Málaga. 

A provincia de Ourense convertida nun gran plató de cine

Esta estratexia de captación de rodaxes ten convertido nos últimos tempos a Ourense no protagonista de múltiples producións audiovisuais que contaron co patrocinio da Deputación. De feito, no 2022 chegaron a coincidir na provincia a rodaxe simultánea de  filmes como “La manzana de oro”, “Honeymoon”, “O home e o can”, e “13 exorcismos”, así como a serie “Motel Valkirias”. Ademais, tamén se rodaron o pasado ano en Ourense longametraxes como a propia “Amigos hasta la muerte”, “Nueva Tierra”, “El Tirabeque”, e outros proxectos con ADN ourensá como “O corpo aberto” ou o documental “Peregrinas” de José Antonio Vázquez Taín.