A Deputación pon en marcha o II Plan de Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para o período 2023-2026

O novo documento, aprobado esta mañá no pleno ordinario de marzo, propón ata 35 accións distribuídas en dez áreas de traballo, tendo en conta tres principios fundamentais: a perspectiva de xénero, a transversalidade e a atención á diversidade

Na sesión de hoxe aprobouse unha modificación de créditos por importe de 2,3 millóns de euros. No expediente consta un crédito extraordinario de 500.000 euros para o convenio asinado con Sogarpo e 1,6 millóns de euros nun suplemento de crédito para actuacións en estradas provinciais

AVANTAR ACTIVIDADES

A corporación deu o visto bo ás catro liñas de traballo de 2023 para o programa BenOurense: Axuda no Fogar Básico (SAF), persoal técnico, Puntos de Atención á primeira Infancia (PAI) e servizos complementarios, cun orzamento total de 1,7 millóns de euros

Ratificouse o inicio dos expedientes de recoñecemento como Fillas Predilectas da provincia ás doutoras Antonia Ferrín, a título póstumo, e María Crespo, ademais de conceder a Medalla de Ouro da provincia ao investigador Antonio Carreño

Ademais de expresar o apoio a unha iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto orixinal do himno galego –baseado no poema de Eduardo Pondal Os Pinos-, entre os asuntos aprobados hoxe figuran dúas propostas relacionadas coas axudas á produción ecolóxica e a defensa da sanidade pública

Ourense, 31 de marzo de 2023.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá o II Plan de Igualdade da institución provincial para o período 2023-2026, no que se propoñen ata 35 accións distribuídas en dez áreas de traballo tendo en conta tres principios fundamentais: a perspectiva de xénero, a transversalidade e a atención á diversidade. 

Na sesión ordinaria correspondente ao mes de marzo e baixo a presidencia de Manuel Baltar presentouse este novo documento, que substitúe ao primeiro plan aprobado en setembro de 2017. Entre os seus obxectivos figura consolidar o compromiso da Deputación coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, eliminando as situacións non desexadas que detecte o Comité de Igualdade, integrado por representantes dos traballadores e da propia Deputación. 

Tamén se procura que o persoal e os cargos políticos se impliquen na posta en marcha das accións que axuden a erradicar as desigualdades, así como garantir un entorno de traballo libre de acoso laboral, sexual e por razón de sexo.

Logo de facer unha diagnose da situación,  o plan sinala unha serie de conclusións. Entre elas a ausencia de fenda salarial e a existencia de ata cinco medidas para facilitar a conciliación familiar: teletraballo, flexibilidade horaria; redución de xornada; permisos para atender a persoas dependentes e  un protocolo contra o acoso sexual que, non obstante, cómpre difundir entre o persoal. Cítase tamén as máis de vinte accións formativas realizadas desde 2018 que incluíron módulos de igualdade, facendo recomendacións como a instalación de salas de lactación ou a necesidade de ofrecer máis información sobre conciliación.

As áreas de traballo nas que se aplicarán as 35 accións deseñadas son as de selección e contratación; promoción profesional e condicións de traballo; formación; comunicación; exercicio responsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral; a infrarrepresentación feminina; retribucións; saúde laboral; prevención do acoso sexual e por razón de sexo; e prevención e actuación contra a violencia de xénero.

Crédito extraordinario para o convenio con Sogarpo

Na sesión desta mañá aprobouse unha modificación de créditos por importe de 2,3 millóns de euros con cargo ao remanente de tesourería do pasado exercicio. O expediente consta dun crédito extraordinario por importe de 500.000 euros, que serán destinados a dotar de fondos o convenio asinado con Sogarpo para facilitar o financiamento de proxectos de pemes e autónomos da provincia.

O documento inclúe cinco suplementos de crédito por importe de 1,8 millóns de euros, a meirande parte (1,6 millóns) para reparación e servizos relacionados coas estradas provinciais. O resto ten como destino o Plan Tarazana de actividades culturais e recreativas, que verá incrementada a súa partida inicial con 120.000 euros, e achéganse máis de 41.000 euros para facer fronte ao aumento dos xuros de préstamos.

Por último, no expediente figuran seis modificacións que non afectan á contía do orzamento xeral da Deputación de Ourense e nas que só muda a finalidade das subvencións concedidas aos concellos de Monterrei, Padrenda, Os Blancos, Parada de Sil e á Mancomunidade Voluntaria de Municipios da comarca de Ourense, ademais do Asilo de Verín.

Programa BenOurense para 2023

A corporación debateu tamén as bases que rexerán en 2023 para as catro liñas de traballo do programa BenOurense, un plan de asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos de menos de 20.000 habitantes en materia de servizos sociais comunitarios. Trátase dos programas de Axuda no Fogar Básico (SAF), persoal técnico, Puntos de Atención á primeira Infancia (PAI) e servizos complementarios, cun orzamento total de 1,7 millóns de euros.

O SAF básico inclúe este ano dúas novidades: unha subvención para a dixitalización do servizo por parte dos concellos e mancomunidades intermunicipais e un incremento dos recursos económicos a disposición das entidades locais, ata superar a contía de 1,2 millóns de euros. No capítulo de Persoal Técnico a Deputación destina 299.511 euros para financiar a incorporación aos servizos sociais municipais de profesionais con perfís diferentes e complementarios ao do traballador social.

O programa BenOurense Infancia-PAI contará con 105.000 euros para subvencionar o mantemento dos puntos de atención situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e cuxa finalidade é prestar apoio aos pais, nais, titores e gardadores de menores de entre 3 meses e 3 anos. Tamén cun orzamento de 105.000 euros, os concellos poderán optar a unha axuda para os servizos complementarios de atención á infancia, é dicir, aqueles que facilitan o coidado fóra da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

Novas esixencias para regular as augas de consumo humano

A orde do día do pleno ordinario de marzo complétase con outros asuntos, como a modificación do programa de asistencia en servizos hidráulicos, co fin de incorporar as novas esixencias recollidas no real decreto do pasado 10 de xaneiro que regula a calidade das augas de consumo humano. Un cambio que facilita aos concellos adheridos a este programa a cobertura das súas responsabilidades respecto dos novos requisitos.

Aprobouse ademais o modelo de declaración sobre causas de posible incompatibilidade ou actividades que poidan proporcionar ingresos económicos, ademais de bens patrimoniais e participación en sociedades de todo tipo, de aplicación aos representantes provinciais e ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional que desempeñen postos de libre designación.

A corporación tamén deu o visto bo á cesión dunha parcela da Deputación ao Concello da Peroxa, así como tamén o cambio de titularidade dun treito da estrada provincial OU-1021 a favor do Concello de Verín.

Tres propostas de honra

No capítulo de honras ratificouse o inicio de dous expedientes de recoñecemento como Fillas Predilectas da provincia ás doutoras Antonia Ferrín, a título póstumo, e María Crespo, ademais de conceder a Medalla de Ouro da provincia ao investigador Antonio Carreño.

Antonia Ferrín Moreiras (Carballiño 1914- Santiago de Compostela 2009) foi primeira muller en España que leu unha tese doutoral sobre astronomía (1963), sendo tamén a primeira tese defendida sobre esta materia na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, onde se licenciou e estudou ao tempo a carreira de Maxisterio. Licenciada en Químicas e Farmacia, chegou a ser depurada como mestra no 1937 polo réxime franquista. A día de hoxe a Universidade de Vigo concede un premio á igualdade de xénero co seu nome.

María Crespo Leiro (Cea, 1961) é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorada pola Autónoma de Madrid, exerce como xefa do servizo de insuficiencia cardíaca do Hospital Universitario da Coruña, ademais de coordinar equipos de traballo nos institutos de investigación biomédica da Coruña e Carlos III. Recoñecida en diferentes ámbitos internacionais, recibiu a medalla Castelao e nomeada filla predilecta do seu concello de nacemento.

Antonio Carreño (Parada de Sil, 1939) é un destacado filólogo e investigador, cunha amplísima traxectoria na literatura hispanoamericana e na crítica literaria contemporánea. Cunha carreira internacional de primeiro nivel e con fonda pegada en universidades estadounidenses, está considerado como o experto máis importante do mundo na figura de Lope de Vega.

Restauración do texto orixinal do himno galego

A sesión comezou co pronunciamento favorable da corporación a unha declaración institucional de apoio a unha iniciativa lexislativa popular que pretende restaurar o texto fidedigno do himno galego: a composición Os Pinos, un poema de Eduardo Pondal con música de Pascual Veiga.

A difusión do poema durante a primeira década do século XX con múltiplos erros textuais, así como a declaración por parte do Parlamento galego do texto de Pondal como himno oficial (1984), pero baseado nunha deficiente versión editorial de 1935, levou aos promotores desta iniciativa a procurar a recuperación da letra orixinal, que se corresponderá coas catro primeiras estrofas do citado poema.

Na declaración emprázase á Xunta a facer unha edición popular da letra restaurada para distribuíla “en centros educativos, agrupacións musicais, entidades deportivas, asociacións culturais e calquera outra entidade cívica”.

Axudas á produción ecolóxica e defensa da sanidade pública

Entre os asuntos aprobados hoxe figuran dúas iniciativas relacionadas coas axudas para a produción ecolóxica e a defensa da sanidade pública.

Sobre a primeira, ínstase á Xunta de Galicia a completar con fondos propios a contía da orde de axudas á produción ecolóxica do ano 2022, ata acadar os 5,6 millóns de euros necesarios para cubrir as solicitudes presentadas. Pídese ademais que se asegure o fornecemento económico destas axudas para o período 2023-2027 para o caso de que as necesidades orzamentarias superen os 9 millóns de euros comprometidos. 

A proposta insta ao goberno galego a acadar como mínimo o 25 % de superficie agraria total dedicada a explotacións ecolóxicas no horizonte do 2030, dado o papel que esta actividade xera no rural pola súa influencia na defensa da biodiversidade, da prevención dos lumes, da calidade alimentaria, creación de emprego local e de produtos diferenciados.

Polo que respecta á sanidade pública acordouse solicitar ao Goberno de España que se modifique o sistema de elección de prazas MIR para que se poidan coñecer en tempo real as prazas dispoñibles. Tamén se solicita a creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias e a revisión do sistema de acreditación de unidades docentes.

O acordo pide un incremento extraordinario de 1.000 prazas formativas de médicos de familia nas convocatorias dos vindeiros anos, así como tamén que o Goberno de España asuma o compromiso dea creación dun Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios para prever déficits futuros de persoal.