A MITEU achegará a Ourense un programa internacional e multidisciplinar coa colaboración da Deputación

O Teatro Principal acolleu a presentación da XXVIII edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, que se celebrará do 20 de abril ao 6 de maio achegando á cidade unha vintena de artistas e compañías nacionais e internacionais de varias disciplinas

Ourense, 31 de marzo de 2023.- O Teatro Principal acolleu esta mañá a presentación da XXVIII edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), un evento senlleiro das artes escénicas ourensás que se desenvolverá entre o 20 de abril e o 6 de maio en diferentes puntos da cidade. A celebración desta edición conta entre os seus organizadores e patrocinadores coa Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia, a compañía Sarabela Teatro e Cervexas Esmorga. Ademais, tamén colaboran neste evento o Liceo Ourensán, o Café Auriense e a Asamblea de Cooperación pola Paz. 

AVANTAR ACTIVIDADES

No acto de presentación celebrado esta mañá estiveron presentes Aurelio Gómez Villar, asesor de Cultura da Deputación de Ourense; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo – Ourense; Fernando Dacosta , director da MITEU; Begoña González, de Cervexas Esmorga; e Olga Mojón, directora do Teatro Principal.

Fernando Dacosta, que se encargou de explicar o programa en detalle, arrincou a súa intervención agradecendo a colaboración das institucións públicas e privadas coa mostra. O director da MITEU explicou que “a idea básica é ofrecer cultura fronte á crispación, entender ao diferente para non ter medo, o cal queda recollido no cartel da mostra”. Neste sentido, Fernando Dacosta explicou que na programación “trátanse cuestións como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza”. 

A colaboración provincial coa MITEU, unha mostra “do compromiso da Deputación co apoio á cultura”

Aurelio Gómez Villar comezou destacando “o compromiso da Deputación co apoio á cultura, un compromiso incuestionable que se ve día a día en espazos coma este Teatro Principal, o espazo cultural máis importante que temos na cidade de Ourense e que realiza unha magnífica labor grazas ao seu persoal”. O asesor de Cultura da Deputación tamén quixo agradecerlles aos organizadores “estes 15 días dunha actividade tan interesante como é a MITEU” e ás demais institucións públicas e privadas por “plasmar unha colaboración institucional o máis ampla posible”. “Como ourensán é unha satisfacción contar cunha representación nacional e internacional que nos de a oportunidade de difundir os valores da nosa provincia”, concluíu Aurelio Gómez Villar.

Anxo Lorenzo salientou “a capacidade desta mostra para achegar ao público de Ourense unha programación de grande calidade, unha mostra que nace para darlle visibilidade ao teatro universitario e que, ademais, incorpora ao teatro profesional para darlle á mostra unha conexión moi interesante”. “Un proxecto internacional que ten fidelizado ao seu público nestes 28 anos e que conta coa capacidade de diálogo entre propostas de diversos ámbitos”, definiu Anxo Lorenzo. 

Mónica Valderrama defendeu que “se algo leva funcionando tantos anos é polo seu grande interese para a cidadanía, e grazas tamén pola exitosa colaboración público-privada”. “Desde a Universidade de Vigo pensamos que é moi relevante ter esta actividade no ámbito do teatro, dándonos moita visibilidade a través das historias que se contan dun xeito lúdico e que inclúen reflexións e crítica social. Para nós é un privilexio formar parte deste proxecto tan interesante para a implicación do noso estudantado”, concluíu a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo – Ourense. 

Olga Mojón reflexionou sobre a importancia da MITEU para o Teatro Principal. “Levamos xa 28 anos cun proxecto de ámbito internacional que pretende dar visibilidade ao teatro universitario, mostrándolle aos cidadáns o traballo cultural e social realizado nas universidades que participan”. Pola súa banda, Begoña González explicou que “desde Cervexas Esmorga estamos encantados de colaborar coa cultura da cidade, e esperamos que a nosa aportación permita que a MITEU dure moitos anos máis”.

Un programa internacional e multidisciplinar

O programa desta 28 edición da MITEU contará cunha vintena de artistas e compañías de teatro procedentes de toda España, Portugal, Colombia e Guinea Ecuatorial; creando unha frutífera combinación entre o teatro universitario e as compañías profesionais. Toda a acción durante as dúas semanas da MITEU terá lugar entre o Teatro Principal, o Café Auriense e as rúas de Ourense a través de varias animacións. Por outra banda, o programa recolle espectáculos doutras disciplinas, como a música, a danza e as artes circenses, así como a realización dun obradoiro sobre as capacidades comunicativas.

A programación ao completo –incluíndo artistas, horarios e prezos– estará dispoñible na páxina web da MITEU a partir do vindeiro 11 de abril.