Gabriel Alén avanza que a planta de biorresiduos de Verín entrará en funcionamento o 1 de xuño

O delegado territorial da Xunta en Ourense e o presidente de Sogama supervisaron esta mañá as obras da instalación, xunto cos alcaldes dos concellos aos que dará cobertura

  • A planta, que conta cun investimento superior a 5,5 M€, ocupa unha parcela de 12.000 m2 non polígono industrial de Pazos e disporá de capacidade para tratar 3.000 t/ano de materia orgánica e 1.600 t de material estruturante, estimando que produza 1.500 t/ano de compost
  • Estará equipada coas tecnoloxías ambientais máis innovadoras e será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables

Ourense, 31 de marzo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do presidente de Sogama, Javier Domínguez, e os alcaldes da contorna, a obra da planta de biorresiduos de Verín, que se constrúe no polígono industrial de Pazos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial e o presidente de Sogama salientaron que as obras evolucionan a bo ritmo e a previsión é que entre en operación o próximo 1 de xuño. Ámbolos  dous explicaron,  durante a visita guiada cos alcaldes dos municipios que, en principio, utilizarán os servizos desta instalación (22 en total -48.000 habitantes-), as características técnicas da instalación e a operativa que levará a cabo para transformar os residuos orgánicos recollidos a través dos contedores marróns nun compost de alta calidade.

Gabriel Alén puxo tamén en valor o traballo contrarreloxo desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Sogama para axudar a que, antes do próximo 31 de decembro, os concellos, que son quen teñen as competencias en materia de xestión de residuos, poidan dar debido cumprimento á normativa europea.

Tecnoloxías punteiras e fomento das enerxías renovables

A planta, que conta cun investimento de 5.525.158,85 euros + IVE, ocupa unha parcela de case 12.000 m2 e disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, estimando que produza da orde de 1.500 toneladas anuais de compost, que se utilizará non sector da agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

A instalación estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo desta forma unha operativa totalmente respectuosa co medio ambiente. Así mesmo, será autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables.

A rede de infraestruturas complétase este ano

Unha vez que entre en funcionamento, a planta de Verín incorporarase á rede de infraestruturas deseñada pola Xunta, e executada por Sogama, para propiciar a valorización da materia orgánica en Galicia mediante a súa transformación en compost. 

Esta rede estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda, na Coruña, –en funcionamento-; Cervo, en Lugo, xa construída e en proceso de probas de carga; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) e 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 sometidas a adaptación), que estarán preparadas para transvasar, ademais da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados non contedor amarelo) e negra (fracción resto recollida a través do contedor convencional), a materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e recollida a través do quinto contedor, de cor marrón.

Con esta rede, que conta cun investimento de 40 millóns de euros e está cofinanciada con 30 millóns polos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise da COVID-19, posibilitarase que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295 en total) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.