O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa as obras de reforma da praza da constitución, a zona do mercado e a contorna da biblioteca municipal de Bande

  • Nestas actuacións a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello invisten preto de 91.000 euros.
  • Gabriel Alén explicou que os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán recuperar este espazo público, concibido para o esparexemento e o lecer
  • O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe; un programa que dende 2010 desenvolveu 168 actuacións en máis de 60 concellos da provincia de Ourense

Ourense, 30 de marzo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, as obras de melloras urbanísticas na praza da Constitución, na zona do mercado e na contorna da biblioteca municipal, nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello invisten preto de 91.000 euros.

O delegado territorial explicou que os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán recuperar este espazo público, concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para iso, -sinalou Gabriel Alén-, o proxecto céntrase en resolver a accesibilidade dos distintos niveis existentes, lonxitudinal e transversalmente. As obras inclúen o derrubamento e levantado do terrazo e dos chanzos de unión, obras de saneamento e drenaxe, renovación do pavimento con terrazo sobre soleira de formigón, lastro nas zonas de pendente que envolven a biblioteca, lousa na fonte e cantaría en chanzos e bordos.

Tamén se mellorará o mobiliario, coa colocación de bancos de madeira e de formigón nos ámbitos da biblioteca e da nova balconada, resultado da valorización do muro de cantería para que sirva de transición entre os distintos niveis e potencie as vistas.

O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas. Dese total, na provincia de Ourense leváronse a cabo 168 actuacións en máis de 60 concellos.