Os dous equipos becados pola FGA arrancan a tempada no campionato galego de rallyes na Coruña

Os dous equipos becados pola Federación Galega de Automobilismo, os formados por Alexis Vieitez e Cristian Álvarez e Marcos Maceiras e Sergio Iglesias, ambos aos mandos dos Nissan Micra N5, iniciarán esta fin de semana o seu programa deportivo no Rally de A Coruña, que cumpre 27 edicións de existencia.

Despois dun ano 2022 cheo de éxitos para ambos ao gañar o Volante FGA e a Promoción Xoven Piloto, Vieitez, que estreará novo copiloto, destacou que “a nosa meta é rematar a proba. Tentaremos facelo o mellor posible e cubrir todos os quilómetros da proba para acadar a máxima experiencia co Nissan Micra. O campionato é moi longo, sobran probas para facer bos resultados e temos tempo para coller o ‘feeling’ ao coche xa que todo muda moito”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con respecto ás primeiras probas co Nissan Micra realizadas o pasado mércores, Vieitez considera que “as sensacións foron moi boas. Tanto Cristian coma min sentímonos ben e probamos todo un pouco. Xa imos algo rodados de cara ao rally. Síntome moi cómodo con el e agardamos que sexa unha boa fin de semana”.

Cristian Álvarez, pola súa banda afirmou que “o propósito é adaptarnos ao Nissan o máis rápido posible. Queremos facer o máximo número de quilómetros posible para adaptarnos, xa que será o noso primeiro rally e ten moitas trampas, especialmente nalgún treito”.

O vencedor da Pirelli AMF, Marcos Maceiras, que tamén probou o seu Nissan Micra N5 durante a tardiña do mércores considera que “o que nos transmitiu o coche é que aparentemente é moi fácil de conducir, moi dócil. Hai que adaptarse a dirección rápida e ao cambio secuencial, pero nós estamos encantados do ben que vai e do estable que é. En A Coruña, pouco a pouco porque o campionato é moi longo”.

Sergio Iglesias, copiloto de Maceiras durante esta tempada afirmou que “o Nissan vai de cine, é unha pasada. A nosa idea e completar a proba e ir gañando experiencia para correr cada vez máis”.

Os dous equipos becados pola FGA iniciarán o Campionato Galego de Rallys este venres coa súa presencia no shakedown do Rally de A Coruña, para posteriormente tomar a saída protocolaria as 20:00 horas.

Para o sábado e por diante para os becados, un rallye de catro tramos a dobre pasada con comezo as 08:49 horas e remate en A Coruña pasadas as 20:30 horas.

Programa horario Rallye A Coruña

TC1 – Coirós Aranga // 08:41 horas
TC2- Aranga // 09:16 horas
TC3- Coirós Aranga // 12:15 horas
TC4- Aranga // 12:48 horas
TC5- Arteixo Culleredo // 16:51 horas
TC6-Cerceda // 17:29 horas
TC7-Arteixo Culleredo // 19:45 horas
TC8-Cerceda // 20:18 horas