Festival para opoñerse á instalación do parque eólico Carballoso, que afectará na Lama
A Plataforma Sur da Dorsal Galega organiza un festival de música, poesía, un roteiro e un coloquio para dar a coñecer os valores naturais e culturais do Suído e mostrar a oposición á instalación do megapolígono eólico Carballoso, que afectará na Lama.
O I Festival do Suído celebrarase o día 15 de abril na Laxe, Fornelos de Montes, e será a primeira dunha serie de actividades que promove a Plataforma para dar a coñecer o Suído e sumar apoios na súa defensa. Entre outras iniciativas, están a desenvolver unha campaña en redes sociais con imaxes e vídeos de persoas que se animan a sumarse co cancelo #SonSuido.
Alertan dos perigos que ameazan ao monte, de maneira especial, o parque eólico Carballoso que se instalaría entre A Lama, Fornelos e Avión e prevé estar composto por dez aeroxeneradores de grande dimensión que producirían 51MW de potencia e que conta co visto bo do Ministerio de Transición Ecolóxica. “Carballoso é a ameaza inminente”, pero están previstos 9 parques máis ao longo de toda a Dorsal que suporían un total de case 200 aeroxeneradores e converterían un espazo natural único nun polígono industrial.
Ártigo publicado en pontevedraviva