O Psdeg-Psoe de Ourense lanza as súas candidaturas nas terras de Celanova co obxectivo de mellorar os resultados e mirar cara un “futuro esperanzador”

Os e as socialistas márcanse como obxectivo a conquista de novas alcaldías na comarca co obxectivo de rematar con anos de “caciquismo, clientelismo e malas prácticas” nos municipios da zona

Foron presentadas a candidata de Celanova, Tere Barge; a candidata e actual alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez; o candidato en Cartelle, Jesús Pereiras; e o candidato na Merca, Carlos Sousa

AVANTAR ACTIVIDADES

Celanova, 30 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar as súas candidaturas na comarca de Celanova para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023. A actual alcaldesa de Ramirás e os candidatos e candidatas de Cartelle, A Merca e Celanova participaron neste multitudinario encontro, no que estiveron arroupados polo secretario provincial, Rafa Villarino, así como por outros cargos políticos do partido e militantes socialistas que non quixeron perderse a cita.

Os e as socialistas márcanse como obxectivo a conquista de novas alcaldías na comarca co obxectivo de rematar con anos de “caciquismo, clientelismo e malas prácticas” en varios municipios da bisbarra. Dende o PSOE ourensán destacan que o “poder municipal socialista representa o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa” e afirman que en maio “temos a oportunidade de mudar a realidade da nosa provincia e rematar con décadas de baltarismo rancio e clientelar para darlle a Ourense e a comarca de Celanova a democracia que merece e tanto precisa”.

No acto, celebrado en Celanova, participaron a candidata de Celanova, Teresa Barge Dapía; a candidata e actual alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez; o candidato en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez; e o candidato na Merca, Carlos Sousa Stolte. Os e as socialistas aproveitaron para sinalar que xa teñen preparados candidatos e candidatas en A Bola, Quintela de Leirado ou Cortegada e que irán dándose a coñecer proximamente.

A actual alcaldesa de Ramirás e candidata socialista á alcaldía do municipio, Isabel Gil Álvarez, aproveitou a súa intervención para subliñar que o camiño nestes últimos 4 anos “non foi fácil” por mor da pandemia, a guerra de Ucraína, o encarecemento da enerxía ou a o goberno municipal en minoría dos socialistas. Neste último senso, a actual rexedora fixo fincapé en que “a pinza PP-BNG tentou bloquear os avances e o desenvolvemento do noso municipio, chegando a provocar que o concello perdese 88.000 euros dunha subvención concedida”.

A candidata socialista tamén destacou que se presenta a estas eleccións cun “novo” reto, que segundo afirmou “é acadar a maioría absoluta para poder levar a cabo as grandes obras que están en marcha, adxudicar 3 vivendas sociais, licitar a adxudicación da subvención para luces LED, sanear o núcleo de Rubías, ou levar a cabo a construción dun centro de día para que os nosos maiores teñan unha calidade de vida como se merecen e as familias poidan compatibilizar coidados e vida laboral”.

Teresa Barge, candidata socialista á alcaldía de Celanova puxo o foco en que “é o momento dun goberno que afronte a realidade actual e de fomentar a credibilidade nos que temos a obriga e o encargo de traballar para o noso pobo”. A candidata do PSdeG-PSOE tamén destacou que “o cambio non o fai un só partido, faino o respecto, a unión e a colaboración. Ese cambio ten que fortalecerse o día 28 de maio e debe pasar por outorgar a confianza a todas e todos os que vimos a traballar con e para o noso municipio”.

A actual concelleira do goberno municipal nas áreas de novas tecnoloxías, participación cidadá, promoción empresarial, mobilidade, igualdade e integración social subliñou que “non foi fácil chegar ata aquí, traballei arreo dentro das competencias das miñas concellerías, e sigo con forza e ganas, Celanova meréceo, merecédelo cada unha e cada un de vós”. Neste senso, Teresa Barge afirmou que “as situacións cambiaron e continuarán cambiando, e se estou aquí é porque pretendo ser a primeira muller en dirixir a alcaldía de Celanova”.

O candidato do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, destacou que en Cartelle “está todo por facer” e fixo fincapé en que se trata dun municipio “con graves carencias e cun goberno municipal máis pendente de acumular cargos e soldiños, que de resolver os problemas da veciñanza”. O actual voceiro socialista lembrou que durante estes últimos 4 anos “traballamos día a día escoitando a nosa veciñanza, percorrendo cada recuncho do noso municipio e presentando numerosas iniciativas para desenvolver novos proxectos”.

Pereiras Vázquez tamén puxo o foco en que o obxectivo “é gañar as eleccións e demostrarlle á veciñanza que outra forma de gobernar é posible e que da man do PSOE, Cartelle pode mirar ao futuro”. O candidato socialista quixo destacar que “imos a traballar por rescatar ao noso concello do desleixo, o abandono e a desidia e a loitar por recuperar a Torre de Sande, resolver os problemas da concentración parcelaria ou rematar cos vertedoiros que proliferan polos nosos montes”.

Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE na Merca, Carlos Sousa,   subliñou que en A Merca “é preciso un cambio e apostar por un equilibrio entre todos os factores que definen o éxito dunha sociedade como son a cidadanía, as empresas, os autónomos, os traballadores e o medio ambiente”. O novo líder dos socialistas da Merca puxo o foco nas oportunidades para mellorar a situación, facendo fincapé como medidas claves “a dixitalización, a agricultura, o emprendemento e a igualdade de oportunidades”.

Sousa tamén destacou que “se queremos darlle a volta a mala situación na provincia, temos que falar da Deputación” e neste senso apuntou que “hai que rematar co uso populista e político que se lle da a case a totalidade dos fondos, que realmente pertencen aos municipios”. O candidato socialista na Merca finalizou afirmando que “cada concelleiro que gaña o PSOE aumenta as posibilidades dun goberno diferente na Deputación e de conseguir o noso obxectivo que é que haxa un reparto xusto dos fondos públicos do ente provincial”.

Por último, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que as Terras de Celanova “comezaron o cambio cara o progreso en 2019, cando Isabel acadou a alcaldía de Ramirás, Tere entrou a formar parte do goberno de Celanova, Jesús duplicou o número de concelleiros en Cartelle, e David conseguiu máis apoios para a candidatura da Merca”. O líder dos socialistas ourensáns aproveitou a súa intervención para destacar que “Isabel logrará a maioría absoluta en Ramirás, Tere aspira a revalidar cun maior número de apoios o avance social en Celanova, Jesús ten a meta do cambio en Cartelle e Carlos Sousa convértese na candidatura da esperanza de novos tempos para A Merca”.

Villarino finalizou afirmando que “elas e eles, dúas mulleres e dous homes, son a imaxe do PSdeG-PSOE nas Terras de Celanova, onde berran alto e claro que nesta bisbarra e na provincia de Ourense hai futuro, o futuro que precisamos para mudar a deriva dun territorio que ten o alcance da man un tempo mellor o tempo da alternancia democrática, do avance e da xustiza social real”.