Felipe Senén: “Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida”

Por Felipe-Senén

Na metade do século XX  no Carballiño o programa de cada fin de semana marcábao a Igrexa, o paseo e o cine. No verán eran as festas, as romarías e a saída á praia… entre curvas e contracurva, en vehículos  lentos polo Paraño arriba.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Igrexa Vella era o punto de encontro, co seu interior cuberto de imaxes de santiñas ás que non lle faltaban devotos. Templo dende o Vaticano II despoxadas dos seus solemnes retablos e púlpitos neogóticos, doazóns encargadas nos mellores talleres dos imaxineiros composteláns de fin de século. Santiños que me coñecen ben e eu a eles, que aguilloaron o maxín de moitos nenos con historias de milagres e martirio. Entre aquelas imaxes, entrando no templo, á dereita, segue estando e sen demasiados adornos a imaxe máis querida polos veciños do barrio de  Flores, especialmente polas matriarcais “mamas”, a Mama Julia, a Mama Rosa, a Mama Celsa, a Mama Jesusa, a Mama Celia… ás que mesmo  os fillos trataban de vostede,  viúvas de mortos e vivos, señoras da casa, as que soias, detrás do mostrador ou coa sacha na man, botaron pra diante pra criar aos fillos… Elas, como Rosalía Castro, sentíanse identificadas con aquela imaxe da Dolorosa, a Nai dos Sete Dores, muller do pobo, confidente de penas. No Carballiño nin se lle chama Virxe da Soedade, das Angustias, nin da Amargura, nin Piedade… era e sigue sendo como da casa e pra nós a Dolorosa.

Nada máis é un rostro que mira ao Ceo  compunxida e esperanzada á vez, que clama cunhas más que se achegan a un corazón de prata sete veces acoitelado, entre os dedos un pano de bagoas….o demais é unha vestimenta e manto que a cobre, todo de loito, si acaso un deles, bordado en ouros, para os día da súa celebración, o do santo das populares Lolas e Dolores, o Venres de Dolores e a semana que segue. Na Coresma era esta a única imaxe descuberta, namentres permanecían tapados con panos negros e mouros os ouros, os altares sen candelabros, sen floreiros, sen son de campaíñas. Día no que remataba a súa novena e se enceta a Semana Santa , aquí coa sobria escenificación do Viacrucis, como saben facer os pobos arrieiros, os que en cada encrucillada entenden cada cruceiro  como un Árbore de Vida, unha ascese, un camiño que remata nunha cruz-estrela que nunha cara representa ao Fillo Morto e noutra á Nai das Dores

CRUCEIRO DA EIRA DE FLORES

Os nenos e os mozos, mais amigos de lerias e algarabías, esperaban a chegada do Domingo de Ramos coa súa competición a quen traer máis, máis grandes e máis floridos ramos de loureiro. O lugar onde acudir a cortalos, días antes, era as Adegas: facíase o camiño seguindo o regueiro do Carrás, deixando o Penedo, pasando por debaixo de Mesego e de Sagra… Loureiros que medran e buscan a luz naquela solemne e enigmática paisaxe, entre un cataclismo de penedas xigantes, como monstros petrificados que crean covas utilizadas en todo tempo e baixo as que se fai invisible o regueiro do Carrás. Son as terras e a antiga casa, hoxe pardiñeiro ,dos avós do meu amigo  Xoán Pérez Soto e que aínda sigue sendo leal acólito nos asuntos litúrxicos parroquiais, campaneiro maior da Igrexa Vella.

O Domingo de Ramos, xa cedo , os nenos e os mozos xuntábanse a presumir de Ramo na entrada da Igrexa. Ramos escolleitos, tupidos e floreados, tan altos algúns que  ate mesmo petaban coas limeiras e erguidos batían co teito, eses eran os ramos dos de Flores, os do meu veciño Toño Alberte, os do Patolo, os do Libiera… algunha exótica palma  tamén contrastaba, portada pola filla de médico, xuíz ou rexistrador… Os máis eran ramos de loureiro, en necesaria alianza cunha galla de oliveira, en lembranza do horto de Getsemaní e clamando a Paz. E saía a esperada procesión: diante a cruz parroquial, detrás todas as xerarquías da vila coas súas mellores galas entre tricornios acharoados… máis atrás a xente do común e atrás de todo, amosando a arte de abanear os ramos, os mozos. Recorrido corto, da Igrexa  á Praza Maior e volta ao templo. Os ramos eran bendicidos a golpe de hisopo o que suscitaba suspiros de emoción e mesmo provocaba aplausos.  Ao saír da longa misa, entre os de Flores e os do barrio  do Cruce de Arriba, servindo de trincheira os pendellos do Catro Olas, armábase unha guerra a ramallazos ate deixalos espidos.

Pendello do Catro Olas. Carballiño. (Debuxo Felipe López)
Pendello do Catro Olas. Carballiño.

De pouco valían as chamadas de atención e a lembranza de que aquel ramo bendito era pra poñer, a modo de amuleto preventivo, no balcón, tras da porta da casa, quizais compartindo sitio á beira dunha ferradura ou duns cornos de castrón. Pois aínda o relixioso e o pagán atopábanse nalgunhas casas de Flores e Toscaña. Os homes ao saír do actos ían botar un vaso e unha tapiña de anguías ao Chupete, a Gazpara, o Emiliano, o Pituxo, a Rispada, o Bodegón, o Rioboo, o Lentille, o Isidro…tabernas medradas nos arredores do templo, sabíase que se entraba nunha semana de vixilia e observancia.

Luns, Martes e Mércores de Semana Santa días de preparación pro que viña: entón os electricistas non daban feito, o Gamallo, o Prado… a preparar barras de luces, cruces cubertas de bombillas pra iluminar na noite do venres os balcóns.. Os nenos e os mozos a facer e engraxar as ronchas, matracas ou carracas, arte no que o Toño Alberte e os de Flores  tamén eran consagrados mestres, autores das carracas máis grandes e ruidosas, as que hoxe  serían tesouros etnográficos nun museo. Preparábanse tamén e luíanse os brillos dos candeeiros pra poñer as velas e levalas ao monumento do Xoves Santo.

Oficios de Tebras entre o loito e o estrondo das carracas

Ben sabíamos que na última hora da tarde do Xoves Santo conmemorábase a Última Cea e con ela a institución da Eucaristía co Pan e co Viño. Pan e Viño tan presentes na nosa cultura e velaí por algo o Escudo de Galiza,  que tamén  vencella tradicións célticas. Liturxia da Bendición dos Óleos… do Lavatorio de Pes, da Oración do Horto… o templo semellaba un gran teatro pra representación dun auto sacramental: os cánticos  de don Juan Corral , do Pepiño do Pan, do Pepiño do Labrador, competían e retumbaban nas bóvedas. O sagrario do altar maior quedaba aberto e en certa soidade espida, a Eucaristía trasladábase en procesión  – aquel copón dourado con esmaltes, seguramente obra da ourivaría ourensán  “Angel” e regalo, entre tantas cousas litúrxicas da Marquesa de Atalaya Bermeja – a  entronizarse nun monumento, sobre unha pirámide achanzada, toda cuberta de flores de cala e azucenas, e máis candeeiros con lazos como marca do seu propietario, todos con cada seu cirio (non se querían os da espurea espelma) acendidos cun xeito de luz máxica e tremante, derramando cera que os nenos amasabamos facendo esculturas ou mesmo  levándoa á boca e substituíndo ao chicle…

Luscofusco e noite dun Xoves Santo de concorridas rúas entre visitas ás Igrexas, agora  de garda, abertas e en ronnroneo de oracións. Até os actos da tarde do Venres na que se conmemora a Paixón de Cristo  nun templo ateigado de xente e espectante: saían da sancristía  os sacerdotes en procesión, revestidos so de alba, dirixíanse cara un altar espido… pausa na súa ringleira e botábanse no  chan en acto de submisión e arrepentimento. Xa en pe seguen con voz ben sonora e cantadas as lecturas da Paixón, repítese o nome de Caifás, de Iesús, de María Madanela… E aquel “Respondeeeee Caifaaaaassss…”  na voz de tenor do Pepiño do Pan aínda ecoa nas lembranzas. O acto impactaba e máis aos nenos… a imaxe do Cristo que hoxe preside o altar da Vella Parroquial, ía descubríndose pouco a pouco, un pe, un brazo, o corpo, a cara… O esperado era o oficio de tebras: apagábanse as luces, mandaba o silencio era o momento da morte de Cristo , o intre de darlle voltas e reviravoltas ás carracas,  e petar no chan de madeira que  levantaba poeira gris…e sempre os de Flores  os máis ruidosos, no alto coro, atrás…dando cumprimento a unha mensaxe ben aprendida, a de apartar a negrura, o mal, a Morte Eterna.

A procesión máis esperada, a  dos “Caladiños

A imaxe da Dolorosa, co seu mellor manto de veludo negro, bordado en Ouro, que non lembro que familia regalara, co seu nimbo de prata, traíame á memoria  a Saeta de Antonio Machado: retrato “de la fe de mis mayores”. A imaxe xa sobre as andas preparada pra, no luscofusco, ser  erguida sobre  os ombreiros de catro mozos e saír en procesión, a dos “caladiños”. Ringleiras de velas acesas, silencio nada máis, ate que lle foron incorporando un redobre de tamboril… Nada máis pedía aquel encontro de compaixón que redobres de silencio. Longa procesión, onde a protagonista era a  Dolorosa, detrás dela a Corporación, a benemérita de gala, algunha mantilla e peitas, seguida de penitentes de hábito nazareno e pes descalzos…Eran aqueles anos de hábitos por penas de posguerra, de  enfermidade e emigración… Ringleiras de cabeza gacha  as que, dende a Igrexa Vella daban a volta pasando polos dous cruces que diametran a vila: o de Ourense e o de Ribadavia. Os escaparates mostraban as  súas mellores galas e case todos os balcóns lucían  barras e cruces de luces, outros poñían cirios  ou unhas mariposas  acesas…tradición perdida.  De cando en vez, sobre algún balcón podía asomar unha saeta…cousa que mesmo Risco vía como moi  Andaluz. E penso que conviría saber quen levou devocións, tradicións, xunto con saberes de viño e xamóns a terras onde o islamismo  non encaixaba cos saberes dun Reino Cristián. Deixemos ese debate. Procesión na que os nenos, con cestas pediamos “Limosna para la Virgen de los Dolores” , competindo a quen máis xuntar, mesmo decepcionados se a cousa non ía be. Os bares despois da procesión non daban feito e estoupaba a conversa.

A Vixilia Pascual ata o Sábado de Gloria

Na tardiña do sábado tiña lugar un longo acto litúrxico que comezaba,  fora da igrexa, sobre a perda angular do templo, acendendo lume e prendendo a Luz, o Cirio Pascual, a bendicindo da auga….entrando en procesión ao templo… Con cánticos repasábanse os santos todos a Corte Celestial e do almanaque… e todos esperando a que se dixese o noso santo pra responderlle cun máis  solemne e arrastrado “Ora pro nobiiiiiiissss” . Logo o momento máis solemne era o do “Sanctus, Sanctus, Santuuuus…” Entón semellaba que estoupaba o mundo en ledicia, acendéndose todas as luces, retirándose cunha pértega os panos mouros que cubrían as imaxes…tocando os acólitos as campaíñas ata romper as mans e o amigo Santi o do Bar Leiro, acólito maior, facía voar  e atufar o incensario… e o Lanas, o sancristán a bater e tanxer as campás da Torre no seu mellor saber de repeniques… e os que estaban fora dicían que había que subirse a un alto, erguer as mans ao ceo…”pra medrar” e repetir o Aleluia, Aleluia….   Entón don Juán Corral, o Pepiño do Pan, o Pepiño do Labrador, os nosos tres tenores , daban o seu mellor “do” de peito. Mesmo sentíamos tocar as Portas do Ceo. Entrábase así na Pascua Florida, nun domingo de estreas, case sempre soleado, de  padriños e madriñas . Un domingo de roscóns, os que non poden faltar na casa e que lle deron sona a esta terra de hórreos, muíños e fornos… O arume a incenso da Coresma daba paso ao arrecendo de forno,  a año asado e ao anís das bicas.  Entón un parecía sentirse máis libre, san e santo.

Igrexa Vella na actualidade

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

————————————————————————————————–

Outros artigos de Felipe Senén:

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño