A Xunta reforza desde hoxe os servizos de bus entre O Carballiño e Ourense con dous servizos máis polas tardes de luns a venres

A Xunta reforza a partir de hoxe, luns, 10 de abril, os servizos de autobús entre O Carballiño e Ourense con dous servizos máis polas tardes de luns a venres.

A liña O Carballiño-Estación de Autobuses das Lagoas contará cun novo servizo de ida que partirá ás 17.15 horas do Carballiño e outro de volta que volverá ás 17.55 horas de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estes novos servizos aumentarán as frecuencias polas tardes entre os meses de setembro a xuño, para atender as necesidades da cidadanía e dos estudantes que se desprazan entre O Carballiño e Ourense nestes horarios.

Tras a súa posta en marcha, analizarase se existe demanda destes novos servizos por parte dos usuarios para mantelos tamén nos meses de verán. Se se comproba que hai demanda, estas dúas expedicións poderán prolongarse ao longo do ano.

Nestes servizos, como en todo o transporte público autonómico, os menores de 21 anos poden viaxar de forma gratuíta coa tarxeta Xente Nova e os demais usuarios poderán beneficiarse de descontos na Tarxeta Galega de Mobilidade (TMG). Actualmente, 390 mozos do Carballiño e máis de 2.600 da provincia de Ourense contan co carné Xente Nova da Xunta.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.