A ocupación hoteleira alcanzou o 90% en Semana Santa no Carballiño, aumentando os visitantes de Madrid e Castela polo tirón do AVE

Comunicado do Concello do Carballiño

-Máis de 1.500 persoas se achegaron ata o Parque Etnográfico do Arenteiro e a programación relixiosa e cultural tamén deu impulso ao sector hostaleiro

AVANTAR ACTIVIDADES

O Carballiño, 12 de abril de 2023

O Carballiño segue gañando atractivo. Despois dun verán de récord no que se refire a visitantes polo estreada declaración da Festa do Pulpo como celebración de interese turístico internacional, esta Semana Santa a ocupación hoteleira alcanzou o 90 %. Tamén a hostalería tomou impulso polas boas temperaturas rexistradas e a ampla programación cultural e relixiosa. Cómpre destacar o interese que espertaron as visitas guiadas que se realizaron na vila nos días grandes da Semana Santa e nas que o pulpo foi o gran protagonista. O número de visitantes tamén sufriu un aumento polo tirón do AVE á provincia de Ourense, xa que foron moitas as persoas que chegaron de puntos como Madrid e Castela.

As cifras tamén foron especialmente boas no Parque Etnográfico do Arenteiro, que rexistrou máis de 1.500 visitas procedentes de diferentes puntos do territorio nacional. Trátase dun dos grandes atractivos do Carballiño, localizado nun lugar único, no que nun radio de 200 metros, atópase a Fábrica de Papel, a Pena dos Namorados, o parque do Carballiño, a piscifactoría, o cámping, a Residencia do Tempo Libre ou mesmo unha estación meteorolóxica, ademais de dous restaurantes.

Concertos, cine e diferentes propostas culturais organizadas polo Concello contribuíron a que a vila rexistrase milleiros de visitantes durante a Semana Santa. A maioría deles pernoctaron no concello, impulsando a economía local.