Benposta prepárase para a oitava edición do Ouren Sound Fest, que contará con Andrés Calamaro, Baiuca, Carlangas, Shinova ou Depedro

A Deputación de Ourense é o principal patrocinador deste festival, que celebrará as dúas xornadas centrais en Benposta -26 e 27 de maio- e incorpora unha festa de benvida, o 25 de maio, nos Xardíns Padre Feijóo

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, resaltou esta mañá na presentación do festival o peso específico da cultura como “motor do territorio, nunha liña de traballo que debe contar coas institucións públicas”

AVANTAR ACTIVIDADES

No variado programa destacan tamén outras propostas como Cariño, Ciudad Jara, Juancho Marqués ou Fillas de Cassandra

Ourense, 12 de abril de 2023.- O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, participou esta mañá na presentación da oitava edición do Ouren Sound Fest, unha cita cos máis diversos estilos musicais, protagonismo para a música galega e a presenza destacada de Andrés Calamaro, que se celebrará en Benposta os días 26 e 27 de maio coa Deputación como patrocinador principal. 

César Fernández interveu esta mañá na presentación do festival, celebrada no NH Ourense, xunto ao organizador do Ouren Sound Fest, Rubén Varela; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, e o responsable de marquetin de Mahou en Ourense, Chus Saez. No acto de presentación tamén estiveron, entre outros, o membro da organización Roberto Álvarez e o representante de Rodosa, Rafael Estévez. 

César Fernández recoñeceu o traballo da organización para dar forma a este festival, “que confirma a importancia da cultura como motor do territorio, nunha liña de traballo que debe contar coas institucións públicas”. 

Nesta mesma liña, tanto o delegado da Xunta como o tenente alcalde do Concello de Ourense resaltaron a importancia da cooperación institucional. 

Pola súa banda, Rubén Varela definiu esta edición como “a máis grande e ambiciosa da historia do Ouren Sound Fest”, incorporando a xornada de benvida do xoves e apostando por figuras como Andrés Calamaro e referentes da música galega como Baiuca, Carlangas ou talentos emerxentes como Fillas de Cassandra. 

Seis actuacións na xornada do venres, con Baiuca, Carlangas ou Ciudad Jara

A programación musical comezará o xoves, 25 de maio, cunha festa de benvida gratuíta nos Xardíns Padre Feijóo. Estarán Fillas de Cassandra (20,00 horas) e Dj Amable (de 21,30 a 23,30 horas).

O primeiro día en Benposta, venres 26 de maio, comezará coa actuación de A Banda da Loba, a partir das 20,00 horas. Despois, o público poderá escoitar a Ciudad Jara, liderado polo cantante e compositor Pablo Sánchez, cun estilo fluído entre guitarra, poesía, canción popular e sátira social. Tamén estará o rapeiro Juancho Marqués, un dos símbolos máis recoñecidos do hip-hop español. O segundo concerto do día con pegada galega chegará da man de Baiuca, que mestura a tradición da terra coa música electrónica e despois chegará Carlangas, que trala disolución de Novedades Carminha continúa a súa carreira musical en solitario, aproximándose á música urbana. O venres rematará con Galician Army, dúo de DJs galegos que procuran fusionar distintos xéneros, aínda que o seu estilo céntrase no house.

Andrés Calamaro protagoniza a xornada do sábado

A xornada do sábado, 27 de maio, estará protagonizada por unha das iconas do rock das últimas tres décadas, Andrés Calamaro. Será en Benposta a partir das 22,10 horas. 

A programación musical desta terceira xornada do OurenSound Fest arranca co grupo galego de garage The Rapants (19,00 horas) e Depedro (20,20 horas), outro referente do rock mestizo con colaboracións do nivel de Calexico. As dúas últimas actuacións da noite serán Shinova, grupo vasco de rock alternativo, e Cariño, unha banda feminina de musica indie pop con letras naturais e irónicas. 

Tanto o venres como o sábado, a música terá sempre presenza gracias a La Duendeneta, unha original e divertida discoteca móbil vintage habilitada nunha furgoneta. E o domingo, pecharase esta edición do Ouren Sound Fest coa actuación de Brais das Hortas, enfocada aos nenos, nos Xardíns Padre Feijóo -gratuíta-.

Nos máis de 60.000 metros cadrados dispoñibles haberá zonas de acampada, área para furgonetas, áreas de recarga para dispositivos electrónicos, foodtrucks e zonas de restauración. A organización tamén remarca a posibilidade de achegarse a Benposta a través do transporte urbano (liñas 14 e 33) para evitar saturacións de tráfico.

Toda a información sobre o festival e entradas en https://ourensoundfest.com