Gabriel Alén subliña o labor de Aspanas a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá a sede de ASPANAS (Asociación de Pais a prol das Persoas con Discapacidade intelectual de Ourense), onde mantivo un encontro con membros da súa directiva, no que a súa presidenta, Susana Losada, informou ao delegado territorial dos proxectos que están a levar a cabo no eido das necesidades das persoas que sofren algún tipo discapacidade.

Gabriel Alén amosoulle o compromiso da Xunta de Galicia con ASPANAS polo seu labor  exemplar que desenvolven a diario a prol de mellorar a  calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, así como a integración individual e a normalización do súa propia contorna.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que ASPANAS ofrece servizos de atención a persoas adultas con discapacidade psíquica, centro ocupacional, centro residencial, pisos tutelados, centro especial de emprego, servizos de ocio e tempo libre, club deportivo e servizos de internado permanente.

Para desenvolver os seus servizos esta asociación dispón do Centro de día, ocupacional e residencial de Velle, cedido pola Xunta para 97 prazas; e o Centro residencial de gravemente afectados da Peroxa: posto en marcha en 2009. Este centro conta cunha unidade de gravemente afectados con 30 prazas residenciais, todas elas concertadas. Tamén conta con 13 prazas de centro de día autorizadas para persoas gravemente afectadas e con necesidades de apoio xeneralizadas ou permanentes. Ademais, conta con outra unidade de adultos con autonomía de 24 prazas, das que 12 son concertadas.